martes. 03.06.2025

‘Continente María’ trae ao Barco a figura da gran María Casares no seu centenario

As entradas para esta función do 28 de outubro pódense adquirir na billeteira do Teatro Municipal Lauro Olmo. A obra está protagonizada por Melania Cruz
somoscomarca_mariascasares_2022-10-24
somoscomarca_mariascasares_2022-10-24

Este venres 28 de outubro, Continente María celebra no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o Ano Internacional de María Casares. A obra dirixida por Tito Asorey procura achegar ao público galego a traxectoria e o pensamento dunha actriz absolutamente rompedora na época que lle tocou vivir.

Melania Cruz, recentemente galardoada co Premio Cultura Galega 2022 na categoría de Artes Escénicas representa a María Casares, filla do presidente do Goberno na II República Casares Quiroga, que conqueriu a fama mundial dende os escenarios do exilio francés. Ao mesmo tempo, establece un diálogo con ela, realizando unha complexísima actuación que foi alabada pola crítica e polo público.

Ademais, Continente María é un espectáculo cunha gran dimensión musical no que ten cabida o trascendental e o anecdótico, o dramático e o cómico. O encargado de acompañar a Melania Cruz coa súa música en directo é o multi-instrumentista bielorruso Vadim Yukhnevich.

Ao igual ca María Casares, Vadim abandonou o seu país de orixe, onde se formou como músico clásico no Conservatorio, e asentouse en Galicia tras percorrer toda Europa tocando na rúa. O director, Tito Asorey, explica que este espectáculo é “moi directo e moi acústico”, ademais “dun lugar con múltiples espazos e ventás, con moitísima forza, emoción e reflexión”.

Continente María é unha produción de Ainé e A Quinta do Cuadrante xunto co Centro Dramático Galego e o Concello da Coruña, cidade na que naceu María Casares e na que se estreou a obra o pasado abril. Tras pasar por Santiago, Cangas, Lugo e Arteixo, o espectáculo chega ao Barco de Valdeorras antes de continuar o percorrido por Galicia. As demais funcións xa confirmadas desta xira e a venda de entradas está dispoñible na web continentemaria.gal.

‘Continente María’ trae ao Barco a figura da gran María Casares no seu centenario