sábado. 08.11.2025

O Centro Galego de Barcelona acolleu a presentación do Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo

A obra de Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas e distinguido coa Orde do Mérito Civil en 2024, reafirma o valor da tradición oral, musical e lingüística das Terras do Bolo e de toda Valdeorras
somoscomarca_barcelona_centrogallego_1783

O Centro Galego de Barcelona acolleu a presentación do Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo, a nova obra do etnógrafo e músico Xosé Lois Foxo, quen viaxou ata Cataluña para compartir un traballo que define como «froito dunha longa ilusión».

O cancioneiro conta con máis de 460 páxinas, un USB con arredor de 400 temas de audio, «os cantares da xente», ademais dun vídeo dos informantes e «sobre unhas 500 fotografías que a xente me pasou dos antepasados». Para Foxo, este libro é «moi interesante porque recolle a memoria viva deses cantares que se transmitiron desde a Idade Media, que cantaban os cegos fai máis de 60 anos, como a cega de Outar de Pregos ou o cego do Bao. Esa xente transmitiunos o saber de tempos moi lonxanos».

A obra, escrita na fala natural da comarca, quere tamén «reivindicar a forma de falar tradicional da contorna de Valdeorras», nun momento no que a oralidade cobra especial relevancia cultural. «No Centro Galego de Barcelona imos presentar este traballo, e hai moita ilusión tamén na migración por coñecer estes temas», engadía o autor.

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1784
Presentación no Centro Galego de Barcelona

O acto contou coa presenza de dous informantes fundamentais: Manuela Arce, cantora que xa nos anos 50 interpretaba pezas de cegos cantores; e Juan Corzo, de Celavente, un dos lugares «máis ricos de cantares populares de Europa».

Tras a presentación —na que o Centro Galego dedicou ademais un espazo específico a Foxo na súa biblioteca Otero Pedrayo— conversamos coa presidenta da entidade, Pilar Ansede, quen se expresou con enorme recoñecemento polo traballo de recuperación cultural.

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1780
Pilar Ansede e Xosé Lois Foxo na biblioteca onde se lle adicou o espazo

«Xose Lois é unha persona querida é importante para esta casa. Foi profesor de gaita cando estuvo en Barcelona. Cedeu material persoal a nosa biblioteca e xunto con títulos xa tiñamos decidimos adicarlle este espazo para recoñecer a sua contribución á cultura galega e o importante que el é para nos», explicou a presidenta.

Pilar destaca que «para o Centro Galego é unha honra acoller a presentación do Cancioneiro», e lembra o contexto no que chega: «como entidade que promove a cultura galega entendemos esta obra como fundamental dentro do ano en que a Real Academia dedica as Letras Galegas á tradición oral. A importancia de investigar e documentar o que doutro xeito se esquecería por sempre».

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1782
sPilar Ansede durante a súa intervención

Sobre o vínculo da comunidade galega en Cataluña con Foxo, Ansede afirma: «Xosé Lois ten e mantén unha forte vinculación con Catalunya. Centos de fillos de galegos aprenderon e amaron a música tradicional con el. Aínda hoxe os seus libros forman parte do material didáctico dos nosos obradoiros. A comunidade galega e Foxo teñen un aprecio mutuo moi grande».

Respecto ao valor da obra, a presidenta é contundente: «Impagable! E, necesaria. E vou poñer un exemplo que se entenderá: os cegos cantores son unha figura propia da comarca do Bolo. Esa figura perdeuse e pouco a pouco as persoas que a coñecen tamén. ¿Como podemos permitirnos como país esquecer a súa existencia? Grazas a Xosé Lois, afortunadamente, non pasará».

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1786
Biblioteca Otero Pedrayo

Tamén puxo en valor a presenza dos informantes: «Tanto Manuela como Juan son de aldeas veciñas. Persoas marabillosas. Para min é un acto de recoñecemento á súa labor fundamental neste Cancioneiro». E sobre o que achegan, engade: «Manuela garda na memoria historias sobre figuras e persoas únicas da tradición oral. Juan é un compositor e intérprete magnífico. Esperamos entender un pouco máis das figuras dos cegos cantores. E esperamos coplas tamén».

Sobre a defensa da fala local, Ansede foi moi clara: «Dende o Centro Galego de Barcelona reivindicamos a palabra dita, o canto herdado, a conversa no adro e o contou á beira do lume». E a quen aínda dubide en acudir a actos como este, envía unha mensaxe rotunda: «Vai atopar un tesouro tecido con mil voces humildes: a verdadeira memoria do noso pobo».

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1781

O centro continúa ampliando a súa oferta cultural: «Temos obradoiros de música tradicional, pandeireta, gaita e baile. Clases de lingua e cultura galega. Temos un coro con máis de 90 anos de historia. Damos visibilidade a autores e autoras galegas a través de presentacións de libros e novos músicos. Sen deixar de mirar ás festas tradicionais como o Magosto, que teremos o día 8 de novembro».

Nun ano no que Galicia homenaxea a tradición oral, o Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo chega a Barcelona como un legado imprescindible: un arquivo vivo de voces, melodías, palabras e historias que non podían perderse. Un traballo que une as aldeas do Bolo coa diáspora en Cataluña, e que lembra que a cultura galega continúa sendo un fío que nos cose, esteamos onde esteamos.

somoscomarca_barcelona_centrogallego_1779

O Centro Galego de Barcelona acolleu a presentación do Cancioneiro Sociolingüístico das...