lunes. 23.06.2025

"Recomenda Valdeorras", unha formación en turismo para comercios, hostalería e adegas

O deseño da actividade está organizado en catro rutas temáticas e cada unha delas se realizará en tres días diferentes (luns, martes e sábado pola tarde) para adaptarse á disponibilidade horaria dos profesionais

portada_somoscomarca_aeva_cigarrosa_2023-03-20
"Recomenda Valdeorras", unha formación en turismo para comercios, hostalería e adegas

AEVA pon en marcha unha nova formación práctica destinada a comerciantes, hostaleiros, adegueiros e profesionais en xeral sobre os recursos turísticos de Valdeorras co fin de que, aproveitando a súa localización a péde rúa e as súas relacións directas con visitantes, poidan actuar como recomendadores turísticos.

A formación, que se desenvolverá nos meses de abril e maio, está coordinada por Soledad Figueroa e Luis Carrón, veciños da comarca e guías oficiais de Turismo de Galicia con moita experiencia na posta en valor dos recursos turísticos de Valdeorras. Eles acompañarán aos participantes en percorridos guiados dándolles claves sobre como introducilos ao público no seu contexto natural, social e cultural. Os negocios que participen recibirán ao rematar un documento cos contidos e mais un distintivo para o seu establecemento coa marca "Recomenda Valdeorras".

O deseño da actividade está organizado en catro rutas temáticas e cada unha delas se realizará en tres días diferentes (luns, martes e sábado pola tarde) para adaptarse á disponibilidade horaria dos profesionais. Todas as rutas faranse en autobús cunha duración de catro horas cada día. A participación é gratuita para os asociados de AEVA que terán prioridade á hora de inscribirse. Os non asociados que queiran sumarse deberán aboar unha cota de 10€ por ruta.

A primeira das propostas ten por título «Fe e feudalismo. Castelos, pazos e templos», e está pensada para coñecer o patrimonio e os acontecementos máis sinalados das Idades Media e Moderna. Esta ruta comezará no santuario das Ermidas, despois deterase no castelo do Bolo, a Torre do Castro e rematará na igrexa de San Miguel de Xagoaza. Esta formación será o luns 17, martes 18 e sábado 22 de abril.

«In vino veritas. Adegas, covas e vides» é a proposta para destacar o potencial enoturístico de Valdeorras, poñendo no centro o fito de recuperación da caste godello e a diversidade de viños da comarca, ademais do valor etnográfico dos barrios de covas. O percorrido comezará no miradoiro de Chandoiro coa paisaxe do viño en ladeira, continuará cun paseo explicativo polas Pinguelas, na Rúa, e rematará coa visita a unha adega con cova. Os días desta ruta son o luns 24, martes 25 e sábado 29 de abril.

Festa das Covas de Vilamartín 2022 (58)

«O ouro de Roma. Castros, pontes e minas». A terceira das rutas levará aos participantes a descubrir o patrimonio arqueolóxico da época histórica na que Valdeorras era o centro de interese económico e viario da Gallaecia romana. Visitarase o xacemento do Castrillón, en Larouco; a ponte da Cigarrosa explicando a súa construción e a función da Vía Nova; e a lápida de Pompeio Reburro situada fronte á igrexa de Santo Estevo, na Rúa Vella, para coñecer a historia deste pretoriano valdeorrés. Esta ruta farase os días 8, 9 e 13 de maio.

somoscomarca_petin_rua_cigarrosa_malecon_trasdopenedo_casilla_malecon2022 (2)

O programa de visitas rematará coa posta en valor das paisaxes de montaña que temos en Valdeorras, comezando pola vexetación e xeoloxía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra, onde se visitará o seu Centro de Interpretación. Tras unha parada nos miradoiros do Parque, o programa rematará no máis alto,cunha visita guiada ao Centro Astronómico de Trevinca. Esta ruta tamén se fará tres días en maio para poder escoller data, o luns 15, o martes 16 e o sábado 27.

"Recomenda Valdeorras", unha formación en turismo para comercios, hostalería e adegas