martes. 03.06.2025

Os Maios chegan ao Barco para inaugurar o quinto mes do ano

Debido á previsión de choiva transládanse ao Pavillón Vello. Ademais en Casaio celebran a romaría de San Xil, coa presenza de catro sacerdotes da comarca
somoscomarca_obarco_maios_2023 (9)
Maios na praza do Príncipe, no Barco (ano 2023).

Finalmente a praza do Príncipe do Barco non poderá acoller este ano aos Maios. Este primeiro día do quinto mes do ano vai estar protagonizado pola choiva, aínda que de xeito intermitente segundo as previsións. Con este motivo o Concello está xa preparando o Pavillón Vello —na rúa España— para cubrir os Maios e a Feira de Produtos Artesanais a partir das 11:30 horas. 

Este ano inscribíronse cinco Maios enxebres: ASFAVAL, ANPA Aturuxo, CEIP Plurilingüe Condesa Fenosa, CEIP Ramón Otero Pedraio, e ANPA Divina Pastora; tres Maios artísticos: CEIP Ramón Otero Pedraio, CEIP Condesa Fenosa, e DISVALIA; e dous arcos florais: CEIP Condesa Fenosa e ANPA Divina Pastora. 

Tamén se inscribiron catro participantes no concurso das coplas: ANPA Aturuxo, CEIP Conde Fenosa, CEIP Ramón Otero Pedraio, e ANPA Divina Pastora. 

Na Feira de Produtos Artesanais haberá 22 participantes en total, con xoguetes de madeira, artesanía de mimbre, libros, artigos de madeira, artesanía de coiro, alimentación, bisutería e artesanía en tela. Tamén haberá unha pulpeira e animación musical co grupo de música e danza tradicional “Lembranzas da Ría”. Xa pola tarde, a partir das 18:00 horas actuará o Mago Teto co seu espectáculo "O Afiador". 

Os premios do concurso son os seguintes para os Maios

  • O primeiro posto premiarase con 350 euros.
  • O segundo posto con 300 euros.
  • Terceiro lugar cunha recompensa de 200 euros.
  • Dous accésit de 100 euros.

No caso das Coplas, a recompensa é a seguinte:

  • O primeiro posto recibirá 250 euros. 
  • No segundo darase un premio de 150 euros. 
  • Dous accésit de 75 euros. 

Por último atópase a categoría de Arcos Florais, que terá un premio único. O galardoado recibirá un lote de libros por valor de 120 euros. O xurado estará formado por persoas relacionadas coa organización da festa e representativas da vida social e cultural do Barco. O seu fallo será inapelable e darase a coñecer no propio recinto antes das 20:00 horas

«A nosa devoción por San Xil de Casaio vai de pais a fillos»

Venancio, veciño de Casaio e fiel devoto de San Xil, deu os detalles da tradicional romaría na súa honra que se celebra cada 1 de maio. «Teremos música con gaiteiros galegos e tamén estarán connosco catro sacerdotes, o que para nós é un orgullo». Estes catro relixiosos que acompañarán mañá aos devotos son don Juanjo, de Sobradelo; don Jesús, do Barco; don Javier, de Viloira; e don Cristopher, de Puente de Domingo Flórez. 

«San Xil é un santo que viviu aquí, e está comprobado por toda a información que hai sobre el». Destacaba Venancio a grande devoción que hai no municipio por este Santo «que faleceu tamén aquí. O sentimento vai de pais a fillos».

Preguntado polas previsións de choiva, amosouse positivo «antes tiñamos que vir a pé, agora non é necesario. Ademais a Ermida é grande e tamén podemos refuxiarnos na casa que está restaurada ao seu carón. Hai espazo dabondo». Ao fin do paseo até a Ermida, dende logo, os romeiros compartirán unha comida

Os Maios chegan ao Barco para inaugurar o quinto mes do ano