martes. 16.04.2024
Vilamartín

Novo incendio en San Vicente en pouco máis de 24 horas

Os montes de San Vicente de Leira en Vilamartín volven ser pasto das lapas

Este luns 30 de marzo declarábase un incendio forestal en San Vicente de Leira. En pouco máis de corenta e oito horas de que se iniciase por primeira vez os montes desta parroquia de Vilamartín volven ser pasto das lapas.

O lume iniciábase as 19:47 horas, segundo información da Consellería do Medio Rural. Dúas brigadas e unha motobomba atópanse nestes primeiros momentos sobre o terreo. O vento reinante fai que o lume se propague con facilidade, non así as baixas temperaturas que o frean.

A noitiña o incendio estaba no barrio de arriba de San Vicente no lugar dos Chelos, o alcalde de Vilamartín lamentábase que non ía ser posible que a motobomba entrase na aldea por mor do corte na estrada debido o seu afundimento.



O pasado sábado tamén, en San Vicente, produciuse outro incendio que afectou unha superficie provisional de 24 hectáreas de monte raso.  Segundo a  Consellería do Medio Rural quedou extinguido onte domingo.

O incendio comezou ás 14:15 horas do sábado e deuse por extinguido ás 8:24 horas da mañá do domingo. Segundo as estimacións, afectou unha superficie de 24 hectáreas, todas de monte raso. No seu control traballaron 4 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas e 6 helicópteros.



A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Vídeo do incendio pasadas as 21:00 horas:

Novo incendio en San Vicente en pouco máis de 24 horas