A Festa das Covas comezou co pregón de Iago Ferrer Feás, licenciado en Xeografía e Ordenación do Territorio. Ferrer fixo o seu traballo de fin de grao sobre as covas de Vilamartín.
Na praza de Concepción Arenal, epicentro da festa das covas «A Pequena», un Iago emocionado e nervoso comezou o discurso facendo referencia a súa infancia ligada as covas e de como os seus compañeiros de estudos o apoiaron. Tamén a importancia da súa avoa Carme e dos veciños que lle axudaron a documentar este proxecto.
«Ate o de agora non había ningún documento destas características», asegurou Iago. Nel analízase a estrutura das covas, en que terreo están feitas, cal foi a orixe histórica e o máis importante, buscar unha alternativa de aproveitamento para o futuro. O uso tradicional estase a perder. «A principal función era a elaboración e conservación do viño e outra a función social, a de xuntarse amigos e veciños para pasalo ben e botarse unhas risas» , sinalou Ferrer. Asegurou tamén cunha das causas da perda destes usos é a diminución de veciños.
Ao remate do pregón, no tempo asinado ás homenaxes, os coveiros Francisco Losada «Pichoneta» e Víctor Ramos «O Cabanillas», recibiron a súa placa e un ramo de flores. Tamén o gañador do deseño do cartel da Festa das Covas —Luis Álvarez— recibiu o seu premio.
Os cantos de taberna de Ouruxobruxo animaron o recorrido polas 9 covas abertas para a ocasión. Nelas puidose comer empanada, lacón, queixo ou patacas fritidas, acompañado polo viño fresquiño. Y é que, «A Pequena» é a festa dos coveiros, a antesala da Festa das Covas que comezará hoxe, 5 de agosto, a partires das 20:30 horas. Así o contou a este medio Vicente Ferrer «Tito», un dos organizadores deste evento.