viernes. 19.04.2024
Petín

Do san Antonio de Petín só queda a procesión e a misa

Petín celebrou o día de San Antonio Abade —san Antonio do porquiño— con procesión e misa cantada polo coro da igrexa. Un pouco antes de que o reloxo dera a unha, o santo saía pola porta grande ao lombo de homes. É unha das procesións máis curtas que se fan na parroquia de Santiago, exceptuando a da virxe o Domingo de Resurrección.

Nada máis saír da igrexa os parroquians torcen a dereita, van até a praza e, danlle volta a farola, para retornar por onde viñeron. Nada que ver coas procesións de hai anos cando estas ían até o Sobredo, onde o párroco, bendicía os campos. Ademais a xente levaba a auga para que o cura lle dera a bendición. O chegar a casa, salpicábanse aos animais, sobre todo aos porcos para que non se puxeran malos.

Eran outros tempos, outra maneira de ver a vida. Seguindo neses tempos, logo da misa, a xantar o cocido. En torno a mesa reuníanse as familias chegadas de todos os puntos da comarca. Para baixar o comido, a media tarde, había baile. No forno de don Nicanor, no Bar Central ou no «Teleclub», dependendo da época en que nos situemos, o caso é que en Petín sempre había troula.

Era a festa dos quintos, moitos dos que lean isto non saben nin sequera do que estamos a falar. Os quintos eran os rapaces que ese ano ían a facer o servicio militar «a mili», co que sacaban despois de pagar os gastos da festa, repartíano entre eles, e así tiñan unha pequena axuda económica para marchar lonxe da terra. A mili íase, o primeiro, con 21 anos e logo cumpridos os 18, eso si, se as prorrogas por ser estudante non a retrasaba.

Eso era a festa hai moitos anos, ou non tantos, agora daquelo queda unha misa na que cada vez hai menos xente. Xa non hai baile pero, nalgunhas casas, séguese a facer o cocido e reunir ás familias, aínda que estas tampouco son o mesmo.

Fotos cedidas

Do san Antonio de Petín só queda a procesión e a misa