Os membros da Banda
de Gaitas estrearon novas chaquetas co uniforme da agrupación doadas polo
Concello do Bolo
A residencia de maiores do Bolo foi o escenario do primeiro concerto do ano que ofreceu, na mañá do Día de Reis, a Banda de Gaitas do Bolo. Estes rapaces e rapazas levan case que tres anos —en abril de 2017 foi cando se puxo en marcha— tocando as ordes de Marco Foxo.
Os asistentes este acto, primeiro puideron escoitar ó grupo musical na entrada da residencia, logo na sala de actos e para rematar, de novo na entrada. Foron testemuñas de temas como o Hino do Antergo Reino de Galicia —Marcha dos Peregrinos— , A Muñeira de Chandoiro —tocado en dúas ocasións e co que rematou o acto— ou o Hino de Galiza.
Vídeo da interpretación da Muñeira de Chandpiro coa que rematou o acto:
Tras interpretar a primeira peza o alcalde do Bolo, Manuel Corzo, tomou a palabra para agradecer a José Luis Foxo a formación dunha banda de gaitas nun concello «tan pequeno e con tan poucos alumnos». «Sodes uns grandes profesionais, podedes ir onde queirades que triunfaredes onde vaiades», expresou Corzo dirixíndose á agrupación musical. Tamén fixo referencia a que foi no Concello do Bolo onde naceu o primeiro neno galego do ano a cal lle levou persoalmente un obsequio. «Despois de tantos anos que naza en Valdeorras un chandoirés, bolés, valdeorres e trivés —en referencia a ser este municipio o partido xudicial do Bolo— todo é parabéns nestes momentos», declarou.
José Luis Foxo, director e fundador da Real Banda de Deputación de Ourense, pola súa parte agradeceu ao sacrificio dos pais para levar os nenos os ensaios e os concertos, «porque son sensibles a súa educación» recalcou. «Desde a Deputación estamos facendo un esforzo para manter viva a cultura galega», dixo antes de anunciar que o día 25 de xaneiro estarían en Vilariño de Conso na primeira face do Festival Celtibérico de Bandas de Gaitas, «faremos o mellor que podamos con bos feitos», indicou. «Para nos é tamén importante facer este concerto na residencia de maiores do bolo porque merecen todo. Eles tamén foron nenos, ímoslle traer o cariño porque o merecen todo», apuntou Foxo en referencia a elixir este lugar para o concerto.