¡A por 20 anos máis Cholo e Nela!

Como hai 20 anos, este 2017 Cholo e Nela volveron ao CEIP Julio Gurriarán onde os esperaban arredor de 350 nenos de educación infantil e 300 pais e nais procedentes de A Rúa, Manzaneda, Trives, Vilariño, Rubiá, Vilamartín e O Barco. Baixo o lema "20 anos dando a nota" os cativos de entre 3 e 6 anos participaron en actividades e talleres lúdico educativos relacionados coa música organizados por todos os colexios da comarca de Valdeorras, que se unen unha vez ao ano para participar nestas xornadas de convivencia.

Os nenos participaron en diferentes talleres que tiñan todos a música como temática común: bailaron a danza húngara, cantaron en karaoke, fixeron pulseras de cascabel, reciclaron CDs, tocaron instrumentos musicais, probaron un piano xigante, fixeron os seus propios instrumentos con arroz, xogos populares... En definitiva, pasaron unha gran tarde celebrando os 20 anos de Cholo e Nela, para o que contaron cunha enorme tarta de gominolas.

Os servicios de emerxencias tamén quixeron ser partícipes deste evento. Os bombeiros e os GES trouxeron unha barca, a motobomba e o camión de bombeiros. Tamén a Policía Local, a Garda Civil e a Garda Civil de Tráfico estiveron presentes coas motos, para que nenos e nenas coñezan a súa labor pola Comarca. As alumnas do conservatorio interpretaron varias pezas musicais de violín, para facer aínda máis musical esta cita anual.