O día da Asunción a parroquia de Vilanova espertou ao son das gaitas. Un pasarrúas que comezou ás once da mañá fíxolle saber aos veciños que comezaba a xornada festiva.
Tras o son das gaitas chegaba o das campás, avisando da inminente procesión e posterior misa solemne na honra da patroa. Sobre as doce, todos os veciños e os seus respectivos invitados estaban agardando o inicio dunha fermosa procesión ao redor da aldea.
A romaría, amenizada con gaitas e cos cánticos do coro da Igrexa de Vilanova, fixo saír a algúns veciños que non se puideron acercar ao templo santo. A Virxe da Asunción, que estreaba manto [doación de Julio Ferrer Prada ], non fixo o camiño soa polas rúas de Vilanova, San Roque cubríalle as costas, como leva facendo dende hai moitos anos nesta aldea valdeorresa.
Tralas celebracións litúrxicas, chegou o momento da troula, e que mellor forma de comezar o baile que a sesión vermú. Esta foi na praza do pobo, onde se colocou unha cantina e varias mesas, para que todos desfrutaran das súas bebidas mentres escoitaban as melodías do trío coruñés Caiga Quien Caiga.
Inda queda moito día de festa por diante e mañá tocaralle a Roque lucirse ante a aldea de Vilanova e ir de cabeza da procesión que se iniciará as 12:00h.