lunes. 16.06.2025
EMPRESA

A Cata Oficial de Valdeorras xa ten vencedores

A Coroa Godello de Adega A Coroa e Lagar do Cigur Mencía de Adega Melillas foron os vencedores nas categorías de branco e tinto respectivamente

O Hotel Monumento Pazo do Castro, acolleu o acto de entrega de Premios da XXII Cata Oficial de Valdeorras, que este ano estivo novamente aberta a todas as adegas interesadas en participar (tamén con presenza no Túnel do Viño de Valdeorras que mañá e pasado se desenvolverá na barquense praza de Viloira). 

O acto estivo presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, e contou tamén coa intervención do alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García; do vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; e da vogal do C.R.D.O. Valdeorras, Araceli Fernández.

No decurso da súa intervención, Araceli Fernández, destacou que o síntoma máis evidente de que o sector vitivinícola valdeorrés goza de boa saúde é que cada vez son máis os viticultores que apostan por realizar novas plantacións no territorio. Salientando que así o amosa o aumento que se produciu nas hectáreas de viñedo cultivado nos dous últimos anos e así se evidencia tamén polas solicitudes que se fixeron para plantar novas terras de cara aos vindeiros meses.

Pola súa banda o conselleiro José González, destacou na súa intervención o carácter, a diversidade e a calidade dos viños galegos en xeral, e dos de Valdeorras en particular e advertiu que o sector vitivinícola galego goza dunha posición e dun recoñecemento claves dentro e fóra de Galicia.

Premios

Un total de 19 adegas con 59 referencias distintas participaron nesta edición Cata, que tivo lugar nas instalacións do Consello Regulador a semana pasada.

Estes son os resultados da XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras:

Viños brancos

1º Premio- A Coroa Godello de Adega A Coroa S.A.T.

2º Premio- Viñaredo Godello de Bodega Santa Marta S.A.T.

3º Premio- Godeval Godello Cepas Vellas de Bodega Godeval S.A.T.

Viños tintos

1º Premio- Lagar do Cigur Mencía de Adega Melillas e Fillos S.L.

2º Premio- Maruxa Mencía de Virgen del Galir S.L.U.

3º Premio- Joaquín Rebolledo Mencía de Bodega Joaquín Rebolledo S.A.

As mencións especiais “viños doutras añadas” foron para Pedrazais Godello 19 de Adega Alán S.A.T., no caso dos brancos, e Joaquín Rebolledo Barrica 19, no caso dos tintos.

A Cata Oficial de Valdeorras xa ten vencedores