domingo. 29.01.2023
A Rúa

María Albert: «A Rúa terá un Consello e unha Concellalía de Participación Cidadá»

O BNG desenvolveu o seu acto central de campaña presentando o programa e ca presencia do «Carrabouxo» e o ex alcalde de Allariz Francisco García

A candidata nacionalista a Alcaldía de A Rúa, María González Albert, presentou o seu programa electoral nun acto público no Centro Cultural Avenida que contou ca presenza do ex alcalde de Allariz, Francisco García, Xosé Lois «O Carrabouxo». Tamén interviron Avelino Fernández Seco e Vanesa Corcoba, membros da candidatura.

O acto comezou ca proxección dun ví,deo que visibiliza aos integrantes da lista nacionalista. María González Albert fixo un pequeno repaso da súa traxectoria ao frente do Concello. Recordou que o «o BNG chegou a alcaldía hai catro anos de forma sorprendente». Destacou a súa experiencia no goberno como muller, «por ser a primeira alcaldesa que tivo o municipio. Isto é un orguio que vou levar conmigo para toda a vida», indicou.

María González Albert na súa intervención

Citou que o BNG fixo moitas cousas en pouco tempo de goberno, como un plan de urbanismo e obras como dotar ao centro de saúde de ascensor. Manifestou que todos partidos levan nos seus programas un novo centro de saúde, pero puxo por diante que a dificultade está en atopar uns terreos aptos para este servizo. Argumentou que o BNG é un grande defensor do centro de día, acadado gracias os nacionalistas cando Anxo Quintana estaba na Xunta, «pero está infrautilizado, cunha planta baleira, que costou más de 2 millóns de euros. É unha pena», valorou.

Sinalou que o seu goberno reduciu a débeda viva do Concello, que superaba o 80 por cento do orzamento, por riba do límite legal —75 por cento—. Deste xeito, «hoxe estamos no 50 por cento», precisou destacando o esforzo para acadalo.

O acto desenvolveuse no Centro Cultural Avenida

María Albert puxo de manifesto que o PP utiliza as institucións «como extensións do seu partido». Relatou que cando gobernou durante catro anos o PP non lle pagou un peso a Deputación, institución que fai servizos para A Rúa —lixo, depuradora, canceira etc— . «A Deputación estaba encantada. Entrou o BNG e, de repente, había que abonar os catro anos de débedas», matizou. E deixou claro que é partidaria de pagar os servizos, «pero non é de recibo que cando hai unha forza política que non é do PP se axfisie aos concellos», detallou.

A candidata nacionalista con Francisco García

Unha das cousas das que dixo sentirse moi orguiosa é «da apertura do Concello á cidadanía.Foi un gran cambio». Ao mesmo tempo, anunciou un Consello e Concellalía de Participación Cidadá porque «é a xente a que fai os Concellos». Esto suporía poder debatir ca cidadanía sobre os gastos nos que hai que priorizar tendo en conta que A Rúa ten uns recursos moi limitados.



Falou de «A Rúa dos servizos», citando que ten mais que O Barco, das potencialidades do municipio asociadas ao Camiño de Inverno e da aposta para que «A Rúa sexa capital do godello».

Finalmente, apuntou que en A Rúa «nos falta moita autoestima, por esa sensación de que calquer tempo pasado foi mellor. A Rúa pode ser grande mirando para adiante».

Vanesa Corcoba se centrou na Rúa dos servizos

No acto tamén interviu Avelino Fernández Seco, quen ensalzou o traballo de María Albert e o do BNG e calificou a ao PP e ao RUA como «grupos vintage ou retro». Pola súa banda, Vanesa Corcoba fixo un retrato da «Rúa dos servizos».

O Carrabouxo puxo o humor ao acto

«O Carrabouxo» se pronunciou sobre temas de actualidade e iniciativas da Deputación con afiado humor. «Hai que meter unha inxección de BNG a todos os Concellos», espetou.

Francisco García falou do modelo de Allariz

Francisco García, ex alcalde de Allariz, aportou pinceladas sobre o modelo deste concello nacionalista dende hai 30 anos. Contou que sempre lle preguntan como se fixo a miragre de Allariz, e que sempre resposta que «alí nunca houbo miragre, senón unha loita social que en 1989 levou aos vecinos a cambiar o rumbo por decadencia, falta de expectativa e oportunidades». E apelou a ter proxectos que permitan poñer en valor os recursos de A Rúa, «que os ten», para que todos se sintan orguiosos e orguiosas.  

Comentarios
María Albert: «A Rúa terá un Consello e unha Concellalía de Participación Cidadá»