
A iniciativa difundiuse na reunión do Consello Asesor de Pacientes formado polas asociacións da provincia e estenderase aos profesionais
Un concurso de ideas e iniciativas de humanización, para aplicar nos hospitais e centros de saúde da provincia, servirá para integrar o criterio e percepcións dos pacientes e dos profesionais nos proxectos de humanización a desenvolver pola sanidade pública de Ourense.
A posta en marcha desta novidosa iniciativa de participación e compromiso coa humanización, foi esta tarde un dos temas centrais da primeira reunión anual do Consello Asesor de Pacientes da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras formado por mais dunha vintena de asociacións con presenza na provincia, que tamén servíu de marco de presentación a recén creada Asociación de Amigos da Área Sanitaria de Ourense, e informar sobre a actividade asistencial atendida en 2019 e obxectivos 2020.
Precisamente, a finalidade deste Consello, ou estrutura de participación e asesoramento, é facilitar o contacto directo entre pacientes e xestores da sanidade pública de Ourense, para recoller súas percepcións e achegas, cara ao desenvolvemento conxunto de obxectivos asistenciais e de humanización dos servizos sanitarios públicos.
Asociación de Amigos da Área Sanitaria
Aínda que ben coñecida para a maioría de organizacións de pacientes da provincia, a reunión desta tarde tamén servíu para presentar a recén nomeada xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, traballadora social do Hospital Universitario de Ourense, e unha das promotoras da Asociación de Amigos da Área Sanitaria de Ourense, integrada por numerosos profesionais e voluntarios que desexan colaborar, para facer posible unha asistencia máis humana, e axudar aos pacientes, tamén cando non están ingresados ou en consulta, respondendo así ás necesidades sociais e humanas que día a día se vivencian nos hospitais e centros de saúde.
A nova asociación nace coa vontade de colaborar co resto de asociación de pacientes e ONGs que traballan no eido da saúde, e é precisamente a promotora da Convocatoria de ideas de humanización, que conta co compromiso da Xerencia da Área para desenvolvela, ademais dun premio en efectivo para a asociación ou autor da proposta que resulte elixida.