O evento cultural terá lugar o día 25 de xaneiro, a partir das 11.00 horas, en memoria de Adelaida Domínguez Pérez, cantora de coplas de cego de Pradoalbar
O Concello de Vilariño de Conso prepárase para acoller a primeira fase do XI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas que terá lugar o vindeiro sábado, 25 de xaneiro, a partir das 11.00 horas, en memoria de Adelaida Domínguez Pérez, cantora de coplas de cego de Pradoalbar. A presentación deste evento cultural tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a alcaldesa de Vilariño de Conso, Melisa Macía; o director da Real Banda de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e o coleccionista de pliegos de cordel, Julio Domínguez.
O vicepresidente da Deputación de Ourense lembrou que o certame naceu con vocación de «servir como canle cultural ás bandas de gaitas de toda a Península Ibérica, sendo un complemento educativo ao ensino recibido na Escola de Gaitas da Deputación de Ourense».
Pola súa parte, o director da Real Banda de Gaitas da Deputación salientou que Vilariño de Conso converterase o vindeiro sábado «na capital da gaita e da nosa cultura». Así mesmo, Melisa Macía afirmou que acoller este evento cultural supón tamén «homenaxear a nosa Banda de Gaitas, que leva máis de 30 anos realizando un importante labor a prol da nosa cultura e que, actualmente, conta con 25 integrantes».
No Certame daranse cita «600 gaiteiros procedentes de bandas de gaitas de diferentes municipios da provincia, de León, Lugo, A Coruña, Asturias e Portugal», sinalou Xosé Lois Foxo. A entrega de diplomas e medallas terá lugar ás 14.30 horas e, posteriormente, tódalas bandas participantes interpretarán conxuntamente o Himno do Antergo Reino de Galicia.
Monumento á copla
Ademais do Certame, o vindeiro venres, 24 de xaneiro, ás 17.30 horas, terá lugar a inauguración en Chaguazoso do monumento á copla «O caso das Piornizas», creada por Leandro Besteiro no 1949.