viernes. 24.05.2024
Xa cheira a cabrito e entroido en Vilariño de Conso

O Entroido está xa en Vilariño de Conso e, tamén, a Festa do Cabrito. Este 2024 alcanza a súa XXXV edición programada para o 10 de febreiro. De feito todas as entradas que se puxeron a venta esgotáronse. En total, asistirán arredor de 2500 persoas entre entradas e fulións. 

Pero, non só está a Festa do Cabrito, o concello ten moitas máis actividades no seu programa de Entroido. Primeiro, chega o momento de colgar a lardeira o xoves 8 de febreiro, día das comadres.

Só dous días despois, será o día grande do desfile e do cabrito. Terá lugar o VIII Concurso de Carrozas, as que participen cumprindo as bases recibirán 70 €. Pola outra banda, o premio é de 250 €.

E sen parar de pensar en comida, chega o porco ó espeto o luns de entroido, 12 de febreiro, cun programa cheo de actividades pola tarde. Ás 19:00 comezará cunha ronda de fulións. Despois, sobre as 20:30 será o momento de degustar o porco o espeto, cun custo de 5 € por persoa—aforo limitado—. Para finalizar, terá lugar o concurso de disfraces e unha festa amenizada por DJ Tariro —a partir das 22:00—. 

O martes 13 os lardeiros volverán ser protagonistas, pero esta vez para a súa queima, que estará acompañada por unha ronda de fulións. 

Xa arrecende a cabrito e entroido en Vilariño de Conso