
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe un decreto da Consellería do Medio Rural polo que se declara de utilidade pública e de interese social a aldea modelo de Soutogrande, no concello ourensán de Vilariño de Conso. Esta declaración implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais.
Esta declaración de utilidade pública permitirá axilizar na aldea modelo de Soutogrande a posta en valor de 33,50 hectáreas, distribuídas en 99 predios de 46 titulares catastrais.
Tras estas declaracións de utilidade pública e interese social, o seguinte paso será aprobar os proxectos de ordenación produtiva, nos que se delimitarán —entre outros aspectos— aos usos máis idóneos para a explotación das parcelas incluídas e as obras e infraestruturas necesarias para a súa posta en produción, así como as operacións de limpeza para os predios que asuman o compromiso de adhesión ao Banco de Terras de Galicia.
De ser necesario, poderanse levar a cabo tamén traballos de investigación da titularidade daquelas parcelas das que se ignore quen é o seu dono. Finalmente, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural —dependente da Consellería do Medio Rural— realizará a convocatoria dun procedemento de concorrencia competitiva para a selección de propostas de cara ao aproveitamento de parcelas incorporadas ás aldeas modelo.
Cómpre lembrar que as aldeas modelo son unha das principais figuras de posta en valor que recolle a Lei de recuperación da terra agraria, xunto cos polígonos agroforestais e as agrupacións de xestión conxunta. En total, actualmente hai 21 aldeas declaradas en Galicia, para recuperar case 600 hectáreas distribuídas en máis de 9.000 predios de máis de 2.000 titulares.
Mediante estes instrumentos, perséguese avanzar na procura da recuperación da actividade económica e social dos terreos de antigo uso agrícola, gandeiro e forestal -particularmente daqueles que se encontran en situación de abandono e infrautilización-, así como dos núcleos incluídos neles. O obxectivo é fixar poboación e mellorar a calidade de vida nestas zonas, ao tempo que se aumenta a seguridade das persoas e dos seus bens ao exercer este aproveitamento das terras de devasa natural fronte aos incendios forestais.
Ademais do decreto publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) polo que se declara de utilidade pública e de interese social a aldea modelo de Soutogrande, publicáronse outros dous máis para Cortegazas, no tamén municipio ourensán de Avión; e Ferreiros, na localidade coruñesa de Ames.
Trátase da segunda serie de aldeas declaradas tras a entrada en vigor da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás que, polo tanto, se lles aplica esta novidade, que implica o recoñecemento da existencia de razóns de interese público para a tramitación de urxencia do seu procedemento e dos informes ambientais e sectoriais respectivos.