
O Concello de Vilamartín acordou a principios do presente mes aprobar as bases da convocatoria de axudas á natalidade, das que no pasado exercicio se beneficiaron un total de 6 familias.
Dita convocatoria cumpre co dobre obxectivo de incentivar os nacementos ou adopcións no concello de Vilamartín de Valdeorras, así como apoiar á familia e á conciliación da vida familiar e laboral, paliando os gastos ocasionados polo nacemento.
A axuda prestada é de 600 euros por cada fillo nacido ou adoptado no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, ambos inclusive. A contía total das axudas a conceder ascende a un máximo de 2.400 euros con cargo ao orzamento do Concello de Vilamartín para ese ano.
Poderán acollerse a esta axuda todos aqueles proxenitores ou adoptantes que teñan residencia efectiva no concello e que, cando menos un deles, estea empadroado no municipio cunha antigüidade mínima de seis meses inmediatamente anteriores á data da solicitude.
O prazo fixado para formalizar a solicitude será dentro do ano natural do nacemento do fillo, entre as datas comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro dese ano.
De momento, neste ano son dúas as persoas que se acolleron a esta subvención e, segundo confirma o alcalde, Enrique Álvarez Barreiro, xa hai outras dúas mulleres embarazadas que tamén se beneficiarán desta axuda. “Esperamos que a finais deste ano sexan outras 6 ou 8 familias as que se acollan a esta subvención”, sinala o alcalde.