
Co obxectivo de promocionar o Camiño de Inverno e mostrar o potencial da agrupación, a Banda do Barco actuará en tres vilas da comarca e na capital do Val de Lemos, dentro do proxecto O Teu Xacobeo
A música e o Camiño serán os protagonistas este sábado 28 de setembro no concerto que se celebrará en Vilamartín. Ata a Praza José Luís Núñez chegarán os 55 músicos da Banda de música do Barco acompañados polo contador de historias, Lalo Santos.
Trátase do primeiro concerto dentro de «Sons de Banda no Camiño de Inverno», unha actividade que se enmarca dentro do proxecto de dinamización «O Teu Xacobeo», cofinanciado pola Xunta de Galicia e organizado pola Banda do Barco. Este completarase con outros 3 concertos en Monforte de Lemos, A Rúa e O Barco.
O principal obxectivo «contribuír a dar valor ao trazado do Camiño que pasa pola nosa comarca. É un efecto chamada para que os peregrinos escollan este roteiro e tamén que os veciños o coñezan máis», explicaba Gemma Delgado, membro da Banda.
O concerto durará unha hora e terá «tanto pezas clásicas como máis modernas, por exemplo bandas sonoras. Un pouco variado, para resumir tamén o que é o camiño, polo que pasa xente de moitos lugares», explicaba Mari Luz Moldes, outra dos membro da Banda.
Lalo Santos, do grupo teatral Gargallada Teatro, será o encargado de contar historias que se irán intercalando coas pezas musicais. «Narrarei sucesos e lendas do pasado que teñen que ver co Camiño. Haberá tamén alusión aos lugares característicos por onde pasa o trazado. Neste caso relacionados co municipio de Vilamartín», explicou Santos.
Á música e ás historias uniranse por primeira vez dentro do proxecto «Sons de Banda no Camiño» este sábado, 28 de setembro na Praza José Luis Núñez de Vilamartín, a partir das 20:00 horas.
Máis actuacións
Para gozar do resto de actuacións da Banda dentro deste proxecto do «Teu Xacobeo 2021» haberá que esperar ata o próximo ano. O Barco será o encargado de pechar o ciclo o vindeiro 25 de abril e na Rúa e Monforte —onde haberá unha colaboración coa Banda de Música municipal—, aínda non están as datas fixadas.
Se queres escoitar a entrevista feita por Itziar Marqués a a Gemma Delgado, Mari Luz Moldes e Lalo Santos, preme na seguinte ligazón: