sábado. 20.04.2024

O Vilaverán leva oito anos xuntando a tódolos nenos que deciden pasar as súas vacacións na comarca de Valdeorras. Este campamento, que dura case dous meses —do 2 de xullo ao 24 de agosto— e toca xa a súa fin, realiza actividades para todos os gustos, co obxectivo de que nenos e nenas se divirtan e desexen volver a Vilamartín nun futuro próximo.

Os encargados de velar polos cativos deste ano, foron dous monitores e tres voluntarios, que foron rotando durante os case dous meses de Vilaverán. As actividades programáronse por semana e a rutina comezaba e remataba todos os días no local Santa Lucía, considerado o punto de encontro.

Antes da apertura das piscinas municipais da vila, as actividades estiveron enfocadas cara o entorno. Fixéronse xornadas de orientación, visitas ás aldeas de arredores, como Penouta, xogos de expresión corporal, manualidades, cociña creativa e deportes, concretamente tenis, baloncesto e fútbol.

Pero como non todo ía ser xogar, os nenos tamén recibiron a visita dunha protectora de animais felinos. O obxectivo foi ensinarlles a respectar e entender a este tipo de pequenas feras. Ademáis puideron ver de cerca as xa históricas covas de Vilamartín, pois realizaron a ruta pequena destas covas.

Unha vez abertas as piscinas, as actividades predominantes foron as acuáticas. O campamento contou este ano con 40 nenos dun amplo abano de idade, que se repartiron entre a piscina pequena —para os máis cativos— e a grande, todos eles ben vixiados, posto que había monitores da bondo.

Outras actividades que encantaron aos rapaces foron a asistencia á Pilgrim Race, unha xincana e moitos xogos de verán como o do pano. En engadido, para clausurar este Vilaverán os pequenos teñen preparada unha actuación que representarán dúas veces, unha fronte ós avós da residencia de anciáns e outra diante dos seus pais, pechando así un ciclo de actividades inolvidables.

Dende a organización din que o obxectivo do Vilaverán é duplo. Por unha banda, búscase fomentar o tema da vida na aldea e o deporte e por outro lado, preténdese que todos os nenos de Vilamartín —tanto os que viven alí como os que veranean no municipio— fagan pandilla e se divirtan xuntos, non só durante as actividades senón que tamén, pola tarde e noite, unha vez rematado o Vilaverán. Ao fin e ao cabo quérese que todos estes rapaces que hoxe comparten campamento, volvan a xuntarse nuns anos no Concello de Vilamartín para rememorar os veráns pasados.

Un Vilaverán para non esquecer