No marco das xornadas de Portas Abertas da Ruta dos Viños de Valdeorras, o Hotel Calzada de Arcos acolleu unha innovadora e exitosa cata maridaxe dirixida pola enóloga Cecilia Fernández. A actividade, que superou a vintena de participantes, tivo como eixo central dous protagonistas pouco habituais nas mesas de maridaxe: os viños tostados e os escumosos.

«A idea desta cata maridaxe era facer algo totalmente diferente, introducir viños que normalmente non se usan nestes contextos», explicou Cecilia Fernández. «Sempre imos a tintos, brancos… viños máis clásicos. Aquí puxemos en valor viños singulares como os tostados e escumosos da zona».

A cata deu comezo con dous pratos de mar: unha vieira cevichada con cabiar de cítricos, combinada cun tostado de Luar do Sil «o bocado e o trago de viño limpan un ao outro é coma se se e todo o rato estás descubrindo sabores novos» e unha ostra en tempura con vinagreta de algas, maridada cun tostado de Viñaredo.

«Os lodos do mar combinan moi ben coas acideces e dulzores destes viños. Cada bocado e cada trago limpanse entre si e crean un xogo continuo de sabores novos», comentou a enóloga. A textura crocante da tempura e a suavidade interior da ostra causaron unha verdadeira sensación entre os asistentes: «Foi unha explosión de cousas ricas», recoñeceu entre risas Cecilia.

A proposta seguiu cunha codorniz escabechada sobre faba loba, maridada cun escumoso seco de godello de Roandi que aportaba frescura e equilibrio ao prato.

A continuación, serviuse un taco-taki de vaca con pan de algas e xeado de queixo, acompañado dun espumoso rosado, tamén de Roandi, con notas de frambuesas e froitos vermellos, ideal para contrarrestar a graxa da carne.

O peche foi un prato doce: fresas maceradas con granizado de kéfir acompañadas dun tostado tradicional de case vinte anos. «Aquí é o prato o que aporta a frescura, e o viño ofrece a intensidade doce final», sinalou Fernández.

Entre o público, a sorpresa e o entusiasmo foron comúns denominadores. Teresa e José Luis, chegados desde Ponferrada, destacaron a innovación da proposta. «Coñecíamos os tostados do Ribeiro, pero non sabíamos que tamén había tostados en Valdeorras. Só por iso xa merecía a pena vir», sinalaron. Teresa máis centradoa nos viños que nas maridaxes, valorou moi positivamente o nivel dos caldos: «Calquera comida rica, con calquera viño rico, maridan perfectamente».

Outros asistentes, como Paula ou Sandra, recoñeceron que era a súa primeira experiencia cunha cata deste estilo. «Nunca probara unha cata con tostados e espumosos, e gustoume moitísimo. A combinación de comida salgada con viños doces foi toda unha sorpresa», dixo Ana, unha das participantes máis novas.

A tempura de ostra con viño tostado foi, sen dúbida, un dos pratos máis comentados: «Unha maridaxe sorprendente, onde textura e sabor se potenciaban mutuamente», destacaron varios asistentes.

Desde o Hotel Calzada de Arcos, Mar Rodríguez, unha das responsables, mostrouse satisfeita coa acollida do evento: «É a primeira vez que participamos nas xornadas de Portas Abertas e entramos pola porta grande. Estamos encantados de traballar con profesionais como Cecilia e seguir ofrecendo propostas diferentes e coidadas».

Ademais, avanzaron que a finais de maio terá lugar unha nova cita gastronómica, tamén no marco destas xornadas, cun formato máis lixeiro de aperitivos e música en directo. «Seguimos tentando achegar algo distinto e de calidade á comarca», conclúe Mar Rodríguez.