Este domingo 10 de agosto, Arcos (Vilamartín) viviu con emoción o día grande das festas patronais na honra de San Lourenzo. Nin a alerta vermella por calor conseguiu frear o entusiasmo dos veciños e visitantes, que participaron con devoción e alegría nos actos relixiosos e festivos ao longo da xornada.

A mañá comezou cun animado pasarrúas acompañado de gaiteiros, que puxeron banda sonora ao despertar festivo do pobo. Ás 12:30 horas deu comezo a tradicional procesión. Desde a igrexa parroquial saíron en primeiro lugar as cruces e estandartes, seguidos polas imaxes da Virxe, San Antonio e San Isidro. Pechando a comitiva, San Lourenzo, portando os tradicionais acios de uvas, foi acompañado por unha multitude de fieis e devotos.

O abafante calor obrigou a reducir parte do percorrido previsto. A procesión chegou a saír á estrada, pero desviouse pola praza para volver ao templo, onde se celebrou a misa solemne en honra ao patrón.

Unha vez rematada a cerimonia relixiosa, os asistentes dirixíronse á Casa do Pobo. Á sombra, con copas na man e boa música de fondo, gozaron dunha animada sesión vermú que serviu tanto para refrescarse como para compartir un momento de encontro.

A festa continuará pola tarde e noite a cargo do grupo Arizona, que porá o broche de ouro a unha celebración marcada pola calor, a fe e a ledicia. Un San Lourenzo máis que, malia a alerta vermella, ninguén quixo perder.