
Vilamartín acolleu polas súas rúas ós folións de Carracedo da Serra, Sobrado, Quintela de Edroso, As Maceiras de Trives e A Caniceira tamén de Trives.
O festexo comezaba as sete da tarde co pregón por parte do actor Paco Campos, o que seguía unha pequena homenaxe a Begoña Vega promotora da formación do folión vilamartinés “Os Viticultores”, para dar inicio o desfile que comezou concedéndolle o folión de Carracedo da Serra o permiso para tocar en Vilamartín. “O permiso xa o tedes, tédelo ben merecido, ídevos preparando para todo o recorrido. Moitas grazas a todos, por virnos a visitar, collede bombos e aixadas, e empecemos a tocar”, con estas verbas Begoña Vega autorizaba os de Carracedo e así comezaban o son enxordecedor a veira do Sil.
Despois de percorrer as rúas do pobo remataron onde comezaran, no pavillón do Bañadoiro. Alí esperáballes unha pinchada e baile co grupo Meritxel.