jueves. 11.08.2022

Máis de quince citas de teatro, música e poesía nas Noites de Florencio

O programa especial, en homenaxe ao autor das Letras Galegas, percorrerá as parroquias de Vilamartín con actuacións, entre outros, de Candido Pazó, Paco Campos, Fátima Delgado, Anxo Baranga, Lucía Aldao e María Lado
somoscomarca_florencio_presentacion_marga_rique_raquel_debora_2022-06-27
Máis de quince citas de teatro, música e poesía nas Noites de Florencio

O teatro, a palabra e a música que unha vez reivindicaron a figura de Florencio Delgado Gurriarán nas noites corgomesas recuperan protagonismo no ano no que toda Galicia homenaxea ao poeta.

O proxecto das Letras de Florencio e mais o Concello de Vilamartín, co apoio da Consellería de Cultura, presentaron As noites de Florencio, unha programación con epicentro na Aira dos Bolos de Córgomo pero que, con máis de quince citas durante o mes de xullo e agosto, percorrerá as aldeas de Vilamartín de Valdeorras.

O inicio destas Noites de Florencio, correrá a cargo de Candido Pazó. O actor e dramaturgo estará en Córgomo este domingo, 3 de xullo ás 20 horas co seu espectáculo «Eu non digo nada». Un día antes, o sábado 02 de xullo, comezará o obradoiro de teatro encontro para rapazada dirixido por Amparo R. de Dios e para o que xa está aberta a inscripción no Concello de Vilamartín.

Despois, cada fin de semana haberá música, poesía, teatro ou cine, con espectáculos como «Florencio sen fronteiras» da compañía Arraianos, as «Cantarenas na noite» de Paco Campos ou «Furia necesaria» de Aldaolado. Temén teñen forte presencia os artistas locais, con Fátima Delgado, Jorge Moral e Anxo Baranga. O xoves 28 de xullo, nas festas da Santa Marta, haberá por Córgomo un serán poético Colectivo Barulla e o domingo 31 representaranse as pezas teatrais resultantes do obradoiro infantil.

Case un mes máis tarde, o 19 e 20 de agosto será o turno de Baranga quen voltará actuar no Córgomo que tanto axudou a poñer no mapa cultural xunto coa Agrupación Teatral Os Furafollas. Estas Noites de Florencio pecharanse cun concerto de Sr Jingles e mais unha actividade para nenos e nenas na aldea de Cernego, onde poderán participar dun xogo de pistas ao estilo dos scape room.

Dende As Letras de Florencio convídase a toda a veciñanza de Valdeorras a que se sume a esta celebración cultural que dá continuidade ao que está sendo o ano non só de Florencio, se non de toda a comarca

Máis de quince citas de teatro, música e poesía nas Noites de Florencio