viernes. 06.06.2025

José Fernández: "A importancia desta mina é que dende época romana ninguén entrou nela"

portada

Somos Comarca estivo esta semana co presidente da sección de arqueoloxía do Instituto de Estudos Valdeorreses, José Fernández, para falar do recente descubrimento dunha mina de ouro romana que encontrou un veciño en Portela, Vilamartín de Valdeorras.

Somos Comarca: ¿Onde apareceu concretamente esta mina?

José Fernández: Apareceu no concello de Vilamartín, concretamente no barrio de O Carballal, que é un barrio que hai ó sur de Portela.

SC: Foi un agricultor de Portela quen o descubriu mentres traballaba na súa finca, ¿Cómo foi?

JF: Pois é unha finca que está ao sur de todo do barrio do Carballal, a uns 50 metros da última casa. Estaba arando para sementar un pouco o millo e fundiuse. Apareceu un buraco duns 70 centímetros de diámetro totalmente redondo. Levou un bo susto porque non sabía se era un pozo ou qué era. Coincidía cunha pequena bagoada que fai a finca e uns días antes chovera moitísimo, por iso se afundiu.

SC: Sen querer, sacou á luz unha mina romana que vostede mesmo confirmou.

JF: Si. Xa sabiamos que aí había minas romanas... Hai dous frontes de mino, un ao leste e outro ao oeste, e queda unha terraza terciaria que é onde traballan as fincas de cultivo. Nese centro había dous túneles, un deles fundiuse co peso da auga da choiva e quedaban tres metros de altura dende o teito do túnel ata o millo sementado, e ao chover tanto abrandouse o barro e caeu tapando o túnel.

SC: ¿De qué eran estas minas?

JF: É unha mina de ouro en terreo terciario, como todas as minas que hai no Bierzo, en Quiroga e en Valdeorras en terreos terciarios, que se formaron polos depósitos aluviais dos ríos.

SC: ¿Qué antigüidade ten a mina?

JF: Ten uns 2.000 anos, é de época romana. Chamámoslle mina, pero o mellor foi un túnel de bombardeo de auga para derribar a montaña. Temos estas dúas hipóteses: que sexa unha galería, un túnel que utilizaban no sistema ruina montium para derribar a montaña con agua que non saía ao exterior, por iso non vemos a saída por ningún lado; ou pode ser tamén que fose unha mina de ouro, xa que debaixo hai pedra de lousa e o ouro nestes millóns de anos foi filtrando e quedou depositando na pedra da lousa e os romanos, que tamén o fixeron en Éntoma, facían uns túneles rasando á pedra madre.

SC: ¿Seguides traballando no terreo para estudar máis profundamente este descubrimento?

JF: Non miramos máis, porque é unha mina que está publicada xa dende a década dos oitenta, na segunda semana de historia de Valdeorras, cando Santiago Ferrer fixo un traballo sobre as minas de ouro de Valdeorras en época romana. A importancia que ten este túnel é que dende época romana ninguén entrou dentro, para poder entrar habería que quitar toda a terra que caeu da bóveda do túnel, entón quedaría o túnel aberto e podería ser incluso visitable.

SC: ¿Qué destacaría vostede deste descubrimento?

JF: Pois o bo comportamento dos veciños de Portela, que me mandaron recado moitas persoas e incluso o propietario, que non puxo pega ningunha, ao contrario, estanos animando para que isto siga adiante. De momento temos a cousa parada e tampouco sabemos o que pode facer Patrimonio.

SC: Pois moitas gracias por achegarnos a este novo descubrimento.

  • Fotos cedidas

José Fernández: "A importancia desta mina é que dende época romana ninguén entrou nela"