




























































somoscomarca_20250802_vilamartin_festadascovas (63)







































O viño, a amizade e a diversidade foron os ingredientes principais da XXVII edición da Festa das Covas de Vilamartín, que este sábado encheu de vida as rúas da cima do pueblo: a do Caño, Justino Fernández ou Os Barreiros.
Un evento xa consolidado no calendario estival do Valdeorras que combina tradición, gastronomía e bo humor arredor dun espazo único: as covas.
A partir das oito da tarde, unha longa ringleira de xente, que por momentos chegaba ata a igrexa, preparábase para vivir unha noite diferente. Percorrendo rúas e pendentes, os asistentes deixábanse guiar pola música e os aromas que saían das covas, esas construcións escavadas na terra —con caño, cubo e respiradoiro— que gardan o viño durante o ano e o manteñen fresco no verán.
Este ano, ademais do acento galego, tamén se escoitou —e moito— o asturiano. Xente chegada de Xixón, Avilés, Oviedo e outros puntos de Asturias sumouse á festa, facendo evidente que a cita traspasa fronteiras e suma cada vez máis devotos do viño valdeorrés e do ambiente festivo.
En canto á comida, os pinchos foron sinxelos pero sabrosos: lacón, salchichón, queixo, chourizo, empanadas de carne ou de bacallau… aínda que cada cova lle puxo o seu toque persoal, ofrecendo pequenas sorpresas aos visitantes. A autenticidade estaba na diversidade.
As entradas non chegaron a esgotarse, pero iso non impediu que os que acudiron desfrutaran dunha noite máxica. Risas, brindes e cantigas mesturáronse entre covas e viño novo.
Ah, e un detalle curioso desta edición: as rúas tinguiron de laranxa, con camisolas e adornos que deron cor á festa e fixeron desta unha edición inesquecible.
Vilamartín demostrou, unha vez máis, que hai festas que non precisan grandes escenarios nin artificios: abondan unha copa de viño, boa compañía... e unha cova.