
Vilamartín celebra a XXVI Festa das súas covas o próximo venres día 2 de agosto. Unha ruta coveira que este ano ten por pregoeira a unha vilamartinesa de corazón, Nita Macía. Ela dirixe na actualidade o Clúster de Turismo Sostible en Aragón, onde leva vivindo máis de 30 anos. Falamos con ela sobre o que significan as covas, o pregón e moito máis.
SOMOS COMARCA: Quen é Nita Macía?
NITA MACÍA: Son unha vilamartinesa máis, quizais a miña particularidade é que levo máis de 30 anos fóra. Primeiro estudando na Coruña e logo por motivos laborais acabei traballando en Aragón. Considérome unha máis e vou todos os anos a Vilamartín.
SC: Imaxino que hai unha unión directa entre o teu traballo e esta Festa das Covas.
NM: Eu dirixo o Clúster de Turismo Sostible en Aragón, que se dedica a iso que as nosas covas representan: traballar a prol deses recursos patrimoniais que forman parte do noso territorio e das nosas xentes, e poñelo en valor. Ese é o meu traballo aquí en Aragón e iso é o que se está facendo dende hai 25 anos en Vilamartín. Estou totalmente aliñada co que se significan as Festas das Covas.
SC: De todo isto falarás no teu pregón?
NM: Hai unha parte do pregón que ten que ver coa miña historia persoal, co que me liga coas covas, e non se van a librar desas miñas lembranzas. E aproveitarei para felicitarnos —a miña familia tamén ten unha cova— por manter un recurso histórico e xeracional e ser capaces de poñelo en valor a través dunha festa como difusión do que somos.

SC: Que significou para ti recibir esta proposta?
NM: Primeiro unha alegría enorme porque para a xente que estamos fóra e, coma min, tanto tempo, ese sentimento de pertenza se reafirma. Parece que como vivimos fóra non somos de ningunha parte. Eu penso no orgullo de que os meus veciños pensen en min. Pero logo inundoume un profundo respeto porque fareino diante da miña xente e tamén de persoas que hai anos que non vexo. É un cúmulo de sensacións.
SC: Volverás algunha vez a Vilamartín?
NM: Eu non me fun. Non estar diariamente na túa casa non significa que marchas. Cando a miña irmá vai facer unha empanada eu vou a Vilamartín. Afortunadamente hoxe en día as distancias non existen, eu collo o coche ás 7:00 da mañá e chego a comer. Non teño a sensación de non estar. As comidas na miña casa fanse contando con todos os que somos, e eu son. Quizá cos anos tengo esa sensación de pertenza máis forte, son do sitio onde están as miñas lembranzas. Eu son galega por riba de todo.
SC: Que son as covas para ti?
NM: Para min as covas son tamén un espazo de reunión. Onde todos acudimos prácticamente todos os anos. A Ruta das Covas, que está así pensada, permite facer ese percorrido que nos permite saudar a todos os veciños. A xente de fóra vén de troula, pero nós vivímolo doutro xeito porque todos somos anfitrións —en maior ou menor medida—.