Os irmáns, Pedro e Alexandre Álvarez, crearon unha pintura mural no CEIP José Manuel Folla Respino de Vilamartín como homenaxe ao escritor Florencio Delgado Gurriarán. A actividade englóbase dentro do programa que ten previsto realizar o centro para lembrar ao poeta, e os alumnos colaboraron na realización.
Chema García, director do colexio, afirmaba que «pensamos que era unha boa idea ter unha imaxe do autor no noso centro para lembrar a futuras xeracións a súa figura». O colexio tamén está a levar a cabo unha pequena presentación na biblioteca para que os alumnos e familias poidan volver ler os seus libros.

«Estamos a facer outro mural no salón de actos para o día 22 de marzo que vai vir a Real Academia Galega. Ademais, o luns, 14 de marzo, ven o persoal para facer unha gravación dos alumnos, dos pais e dos profesores e crear un vídeo en homenaxe a Florencio Delgado», explicaba.
Pedro e Alexandre Álvarez son os artífices da obra. «Podemos ver o viño que mesmo, un dos seus libros está relacionado, Bebedeira. Creo que era moi importante deixar constancia da figura do viño na súa obra e na comarca», destacaba Pedro. El encárgase da parte máis realista do mural, mentres que o seu irmán da parte máis creativa.

«Cando traballamos xuntos buscamos que haxa unha composición xeométrica e unha composición na paleta de cores, en conto a iso si adoitamos sentarnos un tempo e saber porque eliximos esas cores, pero todo de maneira formal», explicaba Pedro.
Actividades do centro
O CEIP José Manuel Folla Respino traballa en conxunto con outros centros da comarca baixo a coordinación de Débora Álvarez. «Neste trimestre continuaremos traballando a figura de Florencio ata que chegue o Día das Letras Galegas. Despois, ao longo deste curso e ao principio do seguinte seguiremos con estudando a figura do autor», afirmaba Chema García.

O centro ten previstos un obradoiro de xogos populares xa que na biografía de Florencio falaba destes pasatempos. Ademais, se a pandemia permíteo, os alumnos gozarán dunha visita guiada por Córgomo.
Se queres escoitar as conversas que mantivemos con Pedro, Alexandre ou Chema, estan nas seguintes ligazóns: