
Até o 17 de maio poderanse entregar os orixinais en calquera medio físico ou dixital
A Asociación de Coveiros de Vilamartín convoca a terceira edición do Concurso de Carteis para anunciar a Festa das Covas. «A temática será libre pero gustaríanos que se reflexara de algunha forma o mundo do viño, das covas ou da Festa das Covas», sinalan desde a organización.
Establécese como data límite da entrega, o 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas. As obras poderanse presentar en medio físico ou dixital a calquera compoñente da xunta directiva desta organización, a través do Messenger da páxina de Facebook, de correo electrónico [email protected], ou de WhatsApp no 666763147. Se a opción elixida é esta última é necesario asegurarse da resposta recibida pola organización.
Pódense presentar varios traballos por persoa sendo o cartel gañador de uso exclusivo para o anuncio da Festa, non pudendo ser utilizado para ningún outro menester. O resto dos traballos presentados quedan libres deste requisito.
O xurado estará integrado pola directiva da Asociación de Coveiros quen será o encargado de fallar o premio consistente en dúas entradas para a XXIII Festa das Covas, unha estancia no Hotel Paladium e unha cea., tamén para dúas persoas no Hotel Calzada de Arcos.
A festa, como cabe esperar, será o primeiro sábado de agosto, e segundo a organización agárdase que o número de covas que participen nesta edición estará en torno ó medio cento.