
As piscinas de Vilamartín deberían ter aberto o pasado fin de semana, pero non foi así. Despois de varios días de peche por falta de entendemento entre o Concello e a empresa que as xestiona, Seíndra, na tarde de onte ambas entidades chegaron a un acordo para abrir, as piscinas de Vilamartín.
A empresa Seíndra, para compensar aos vecinos pola espera, ofrecerá entrada de balde durante todo o día de mañá venres 23 de xuño.
Dende a empresa aseguran que o vaso grande “nunca na vida” tivo ausencia de cloro, e que “temos as analíticas correspondentes do ano pasado e deste ano”. Sinalan ademais que foi un concelleiro de Vilamartín o que se puxo en contacto con eles para solucionar o problema “foi o único que se interesou e despois de varios papeleos puidemos abrir as piscinas”
O alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro, explicou que estaban á espera do informe do técnico, que valorou o xoves o estado das piscinas, para tomar unha decisión. “En principio parece que todo está ben”, sinalou o alcalde.
Segundo declarou Álvarez Barreiro, existían problemas de seguridade así como sanitarios, e aínda que dende a empresa aseguraba que estes incidentes xa estaban resoltos, era necesario o aval dun técnico.
Agora, parece que todo está en orde e os veciños xa poden disfrutar das piscinas de Vilamartín, que ademais serán de balde durante todo o día de mañá.
*Foto Facebook Piscinas de Vilamartín