
Tras o accidente rexistrado a pasada fin de semana no cruce de entrada ao centro urbán de Vilamartín dende a N-120 no que dúas persoas resultaban heridas de gravedade, o alcalde da vila, Rique Álvarez Barreiro manifestou a necesidade de construir nesa zona un paso elevado ou subterráneo «cada pouco temos accidentes deste tipo e ainda que queiras evitar esta entrada, é a principal ao pobo».
Explica o rexidor que «esta é unha teima antiga, que innumerables veces puxemos enriba da mesa». Explica que dende o Concello pediuse por escrito ao Ministerio de Fomento unha solución, nun primeiro momento, unha rotonda que regulase o tráfico. «Contestáronnos que as rotondas se se pasa de 5.000 vehículos diarios tal e como está a nova lei, non están permitidas; polo visto neste cruce ese mínimo supérase, están pasando preto dos 8.000 vehículos diarios», explica. A outra solución pasa pola construcción dun paso elevado ou subterráneo pero «ata o de agora non houbo ningunha solución dese tipo».
Di o alcalde estar esperando a que a Administración «se faga coa N-120 e non só para cubrir algunha zona de firme». Compara Barreiro a situación da comarca con zonas da veciña provincia de Lugo na que «vemos pasos elevados, incluso en pobos pequenos de poucos habitantes; Aquí é sangrante», sentencia. Alude ademáis a unión necesaria entre concellos da comarca para poder ir todos a unha e pelexar na mesma dirección. «Eu creo que a A-76 tardará moito en empezarse, polo que sería bo que os políticos solucionasen os problemas de agora mesmo con pasos elevados, zonas de adelantamento, sinalización horizontal adecuada... E mentres chega a autovía, que invirtan o necesario na N-120».