
Cúmprense tres meses dende que o Tribunal Superior de Xustizza de Galicia (TSXG) declarase inválida a resolución administrativa que autorizaba a explotación de recursos na mina de Penouta, en Viana do Bolo.
Despois deste cesamento da actividade, a empresa IberAmerican Lithin anunciaba que non continuaría co proceso de fusión que se estaba levando a cabo para salvar as graves perdas económicas que sufría Strategic Mineral, quen explota a mina dende fai cinco anos.
Agora, o xulgado de Trives abriu dilixencias contra a mina de Penouta. A organización ecoloxista presentou unha denuncia contra a explotación, logo de que as análises realizadas por un laboratorio na contorna da explotación mineira «amosaran niveis alarmantes de concentración de metais pesados».
Segundo Ecoloxistas en Acción, estas análises, nun dos regos situados augas abaixo da mina, os valores de cadmio, superaban 112,5 veces o valor máximo permitido polas normas de calidade ambiental.
Os valores de arsénico tamén, segundo a organización ecoloxista, estaban 30 veces por riba do nivel legalmente permitido. No caso da captación dunha traída de augas analizada, superábase igualmente o límite máximo para arsénico en augas de consumo humano, así o comunican dende Ecoloxistas en Acción.
Recordar que a auga domiciliaria foi un dos puntos centrais do pleno extraordinario celebrado en Viana do Bolo o pasado 12 de xuño. Momento no que o alcalde, Andrés Montesinos, aseguraba que: «Non vén de Penouta, é do Bibei».
«Presentamos un recurso de alzada ante a negativa da Confederación de dar acceso a información ambiental, mais a resposta do organismo foi manter a ocultación dos datos analíticos. Non imos consentir esta opacidade, cando ademais a empresa mineira anunciou ter coñecemento dos informes das últimas mostraxes da Confederación Hidrográfica. Están impedindo a acción da Xustiza», declara Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción, quen ademais asegura que están estudando medidas xudiciais contra o escurantismo da Confederación Hidrográfica.