Na segunda entrega da nosa visita ao museo de Benigno Basteiro, veciño de Bembibre en Viana do Bolo, tivemos a oportunidade de mergullarnos nunha incrible colección de navallas e obxectos que reflicten unha ampla gama de oficios e épocas.
Entre as pezas máis destacadas, atopámonos con navallas novas, como as de Taramundi, e tamén con unha impresionante selección de navallas antigas, maioritariamente Pradel Francesas, que Benigno foi adquirindo ao longo dos anos en rastros e mercadiños. «Levo moitos anos nisto, case toda unha vida», comenta con orgullo. Ao principio, as súas adquisicións gardábanse en caixóns da casa, pero co paso do tempo foron tantas que xa non cabían. O que comezou cun pequeno marco no salón, foi medrando ata formar unha colección que hoxe enche os recunchos do seu fogar.

Un dos primeiros obxectos que Benigno colleitou foi unha lanterna, e tamén unha navalla. Pezas que marcaron o inicio dunha apaixonante viaxe na que se foron sumando moitos outros obxectos que hoxe teñen un valor histórico e emocional incalculable. Tamén descubrimos as primeiras motoserras que forman parte da súa colección, que nos levan a tempos de traballos rurais e industriais xa esquecidos.

Unha das seccions máis curiosas do museo está dedicada á RENFE, onde se poden ver billetes antigos e diferentes accesorios que se usaban noutros tempos, lembrando a importancia do ferrocarril na historia do noso país.
Pero o museo de Benigno non se limita só a ferramentas e utensilios. A súa colección tamén inclúe instrumentos médicos antigos, partes de barcos e obxectos militares, todos eles testemuñas silenciosas de épocas pasadas que, xuntas, contan historias de traballos, viaxes e loitas que foron parte do noso legado.

Cada recuncho do museo é unha viaxe no tempo, unha xanela aberta ao pasado que nos permite admirar obxectos que falan de oficios, costumes e vidas que fixeron parte da nosa historia. O museo de Benigno Basteiro é, sen dúbida, un espazo cheo de maxia, onde o pasado revive con cada peza e cada historia que acompaña ás súas coleccións.