O CD Viana venceu este domingo 4-2 ao Córgomo e abriu oco na primeira posición da Segunda Galicia. “Era unha vitoria importante, e máis ao xogar na casa, polo que o noso deber era gañar”, admite o adestrador, Julio Couso.
Estes catro puntos son “un pequeno colchón, pero axudan”, aínda que quedan moitas xornadas por diante nesta tempada. Malia todo, Couso destaca o encontro realizado polos seus xogadores, que lle deron a volta ao gol inicial dos visitantes.
Con 3-1 ao descanso, o adestrador advertiunos do perigo. “Cando entramos aos vestiario xa avisei de que non estaba nada feito, que había que ter coidado”, di.
Entre os goleadores do domingo estivo Javi Penouta, que viña de marcar catro tantos a xornada anterior. O atacante “estivo no Rúa e despois quixo vir para aquí, porque é de Viana. Ten corpo, velocidade, moitas ganas de marcas e unha moi boa actitude. É complicado atopar un rapaz así, que só suma”, asegura Julio Couso.
Javi Penouta xoga pola banda, aínda que tamén lle gusta a posición de dianteiro centro, pero o Viana acumula varios xogadores nesa posición e obriga a Couso a tirar de rotacións.
O técnico do equipo celeste tamén quixo destacar o apoio da afección no partido do domingo. “Había moita xente, tanto deles como nosa, eles ata trouxeron autobús”, subliña.
Nas Carrelas son habituais as boas entradas, “e nun partido como este aínda máis, que era primeiro contra segundo, e os resultados acompañan”.
O Viana pensa xa na vindeira xornada, na que se medirán ao Trives no Agro. “O ano pasado xogando un posible ascenso sufrimos contra eles, así que eu, porque moito que vaiamos primeiros, sei que non vai ser doado”, afirma Julio Couso, ao tempo que engade que irán “cos mellores e a polos tres puntos”.
Se queres escoitar a conversa completa que carlos Julio González mantivo con Julio Couso, dálle a seguinte ligazón: