O Entroido é moito máis ca unha festa en Viana do Bolo: é alegría compartida, identidade colectiva e orgullo polas raíces. Ese espírito volveu facerse sentir coa saída do Fulión Feminino, encargado de dar o pistoletazo de saída ao Entroido de Viana do Bolo.
Este 31 de xaneiro foi un día reservado para as mulleres, protagonistas dunha cita que só acontece unha vez ao ano e que converte as rúas da vila nun escenario de música, forza e tradición viva.
A xornada comezou ás 12.00 horas no Campo da Feira, no Toural, desde onde as participantes, acompañadas das súas boteiras e bombos, percorreron as rúas de Viana até chegar á praza, enchendo cada recuncho de ritmo e emoción. Foi, sen dúbida, un gran día, un día para elas.
Tras o vermú, amenizado pola Charanga BBB, chegou o momento do xantar, onde se xuntaron preto de 140 mulleres, que deu paso a unha tarde chea de música e percorridos por toda a vila, mantendo vivo o ambiente festivo ao longo de toda a xornada. A celebración non rematou aí, xa que a partir das 21.00 horas a festa continuou coa actuación da mesma charanga e, para pechar a noite, co ritmo do DJ Tariro.
O Entroido de Viana do Bolo, recentemente declarado Festa de Interese Turístico Nacional, xunto cos de Manzaneda e Vilariño de Conso, non é só diversión: é unha tradición que perdura, une xeracións e reflicte o espírito dun municipio apaixonado polas súas raíces. O Fulión Feminino é unha mostra clara de como esta herdanza cultural segue viva, medra e evoluciona con forza, mantendo intacta a súa esencia.
