O espírito do Nadal toma o Pavillón de Deportes de Viana do Bolo

O Mercado reuniu 17 postos de artesanía e produtos locais, ademais de actividades infantís e unha chocolatada para pechar a xornada festiva

O Pavillón de Deportes de Viana do Bolo acolleu durante esta ponte o tradicional Mercado de Nadal, unha cita pensada para gozar en familia e que, un ano máis, encheu o recinto de movemento e ambiente festivo. A inauguración tivo lugar o domingo 7 de decembro, cunha gran afluencia de xente que marcou o ton dunha fin de semana chea de actividade.

A feira contou con 17 postos de artesanía e produtos locais, entre eles queixos, mel, libros e unha variedade de artigos ideais para agasallar nestas datas. Ao longo da xornada, visitantes de todas as idades achegáronse para descubrir creacións únicas e conversar cos produtores e artesáns da contorna.

Os máis pequenos foron protagonistas, cun espazo de ocio que incluíu inchables, diferentes obradoiros e o xa esperado buzón dos Reis Magos, onde puideron depositar as súas cartas. Na mañá do luns gozaron de actividades como pintacaras, un obradoiro de bolas de Nadal e unha sesión de contacontos que reuniu numerosas familias.

Pola tarde continuaron os obradoiros e a actividade nos postos, mantendo o fluxo constante de público ata o peche. A xornada rematou cunha gran chocolatada, que puxo o punto final a un mercado que xa forma parte das tradicións máis queridas do Nadal en Viana do Bolo.