domingo. 27.07.2025

O VIII Serán de Seitura abriu dúas xornadas de música tradicional en Manzaneda

A música tradicional galega convertese na gran protagonista esta fin de semana en Manzaneda coa celebración do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación de Ourense 

A música tradicional galega convertese na gran protagonista esta fin de semana en Manzaneda coa celebración do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación de Ourense. O evento, que reúne a máis de 300 músicos procedentes de toda Galicia, combina competicións musicais, homenaxes e actuacións que revalorizan o patrimonio inmaterial galego.

somoscomarca_20250726_manzaneda_seranseitura_amablefernandez (11)

A cita comezou o sábado 26 de xullo ás 19.30 horas coa celebración do VIII Serán da Seitura – Memorial Ludivina Pérez Ricói (1930-2017), na Praza da Igualdade. Este serán quere poñer en valor os cantos tradicionais da sega na zona de Manzaneda e Trives, nun ambiente de emoción e respecto pola memoria das mulleres que mantiveron viva esta tradición oral.

somoscomarca_20250726_manzaneda_seranseitura_amablefernandez (12)

O acto abriu cunha sentida peza interpretada pola violinista Candela Rodríguez, neta de Ludivina Pérez. A seguir, subiron ao escenario figuras recoñecidas da música tradicional como Blandina de Cotarós, Fiuca de Trives, Flor da Xesta de Verín (que participaron por primeira vez neste serán), Cantareiras da Real Xuvenil, Digna de Vilanova, o Grupo de Acordeóns de Airiños da Porta Falsa de Manzaneda, Rogelio da Aceveda e Real Xuvenil.

somoscomarca_20250726_manzaneda_seranseitura_amablefernandez (5)

Un dos momentos máis emotivos da noite foi a homenaxe póstuma á cantareira Jacinta Fernández Alonso (de Lentellais), quen deixou unha fonda pegada na cultura oral da comarca. O director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo, dedicoulle unhas palabras cheas de recoñecemento e emoción, salientando a importancia de preservar a súa memoria a través dun novo Cancioneiro sociolingüístico das terras de Galicia, que se presentará en setembro e recollerá temas como "Os lugariños de Bolo", interpretado pola propia Jacinta.

somoscomarca_20250726_manzaneda_seranseitura_amablefernandez (2)

A xornada do sábado pechouse coa celebración do Festival Noite Celta, que tivo lugar a partir das 23.00 horas na contorna da Estación de Montaña de Manzaneda, con actuacións de bandas de gaitas e grupos convidados, nun ambiente festivo e cheo de identidade.

somoscomarca_20250726_manzaneda_seranseitura_amablefernandez (17)

O domingo 27 de xullo, a partir das 11.30 horas, desenvolverase a fase final do certame no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda. O evento estará dedicado á memoria de Gabino García, alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995 e un dos impulsores do certame xunto a Foxo. A xornada comezará coa cerimonia de izado de bandeiras e continuará coas actuacións das bandas clasificadas en 4º, 3º e 2º grao.

 

Este certame, ademais de ser unha cita de referencia para as bandas de gaitas, reafirma o compromiso coa recuperación e transmisión da nosa música tradicional, nun enclave privilexiado como é a montaña ourensá.

O VIII Serán de Seitura abriu dúas xornadas de música tradicional en Manzaneda