
A Garda Civil tomou onte declaración a un veciño das Illas Baleares, como presunto autor do lume que arrasou boa parte do Val do Navea, un espazo natural protexido na Pobra de Trives. O detido é F.F.G. de 72 anos de idade e orixinario da aldea de Navea, onde lle foi comunicada, onte mércores, a súa condición de investigado como presunto autor dun delito de incendio forestal.
O lume do que se lle responsabiliza orixinouse o pasado 14 de agosto arredor das seis da tarde nunha ladeira do Val do Navea. As lapas afectaron a 190 hectáreas de monte, 20 delas arboladas e queimou a única vivenda habitada que quedaba no lugar de O Seixo. Non houbo danos personais pero a vivenda quedou arrasada.
A superficie queimada por este lume é case unha terceira parte do Espazo Natural Protexido Val do Navea, que foi o primeiro en recoñecer a Xunta de Galicia, en 2008. O Navea é un dos principais atractivos turísticos de Trives, especialmente para a práctica de deportes como o barranquismo.