miércoles. 28.05.2025

Trives prepárase para tres días de festa co seu Entroido de Verán

Cantos de taberna, sesións vermú, campionato de billarda, música e, como colofón, o desfile de folións é todo o que ofrece esta cita organizada pola Asociación Cultural A Caniceira
p_entroidoveran_desfile_folions_mercadiño_trives (1)
Entroido de verán na Pobra de Trives (ano 2022).

O Entroido vívese tamén en verán e en Trives dende hai 14 anos. Mañá venres día 9 arrinca a programación desta edición 2024 cos tradicionais Cantos de Taberna. «Na época estival sempre hai menos grupos pero temos seis anotados, así que estamos moi contentos», explica Belén Pérez, presidenta da Asociación Cultural A Caniceira de Trives —organizadora do evento—. 

«Os cantos de taberna é algo emocionante. As Macizas Centrais —das que formo parte— fumos a moitos e é unha sensación impresionante. É a nosa música e tradición». 

Xa o sábado día 10 arrincará a xornada co Mercadiño, «onde haberá arredor de 40 artesáns de todo tipo: de coiro, xabóns, roupa, instrumentos... de todo», destaca Pérez. O mesmo espazo estará aberto o domingo día 11. 

entroidoveran_desfile_folions_mercadiño_trives (29)
Entroido de verán na Pobra de Trives (ano 2022).

A música voltará coas sesións vermú de ambos días da fin de semana: «O sábado estaremos as Macizas Centrais e o domingo a Banda de Gaitas dos Trintas, de Trives».

O día 10 disputarase un Campionato de Billarda en horario de tarde e, xa pola noite, un concerto do grupo En Mala Hora —ás 23:00— e a actuación do trivés Dj Sedinho

O domingo día 11 culminará co Desfile de Folións, «onde participarán sete». Facía balance Belén Pérez destes 14 anos do Entroido de Verán, e confesa que «nos sorprende o apoio da xente. Todos os establecementos, os veciños e o Concello están moi volcados con nós. Vivímolo con moita emoción».  

A entrevista completa con Belén Pérez está neste enlace de audio

Trives prepárase para tres días de festa co seu Entroido de Verán