
As montañas de Chandrexa de Queixa convertéronse esta fin de semana no epicentro do trail running estatal coa celebración da XIII edición da Chandrexa Trail, unha cita que reuniu a máis de 800 corredores e mobilizou arredor de 1.200 persoas entre participantes, equipos técnicos e acompañantes. O evento, apoiado pola Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia, supuxo un impulso notable para o turismo deportivo e a economía local.
A carreira, cun percorrido de 35 quilómetros por paraxes de alta montaña, acolleu nada menos que tres competicións oficiais: o Campionato de España en liña individual, a segunda proba da Copa de España en liña, e o Campionato e segunda proba da Skyrunner National Series. Un cartel de luxo que consolidou esta cita como unha das máis destacadas do calendario da Federación Española de Deportes de Montaña.

Durante o acto de entrega de premios, o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o valor engadido deste tipo de eventos para o rural galego: «A Chandrexa Trail é un exemplo de como o deporte pode servir de motor turístico e económico, especialmente en territorios do interior que teñen un enorme potencial», sinalou. «Promover un destino sostible tamén é isto: poñer en valor a natureza, atraer visitantes respectuosos e xerar actividade económica», engadiu.
Os corredores tiveron que afrontar un percorrido esixente, con fortes desniveis e tramos técnicos, nunha proba que esixiu o máximo tanto física como mentalmente. Pero tamén foi unha oportunidade para descubrir un territorio de beleza serea, con paisaxes espectaculares e unha acollida veciñal que fixo do evento moito máis que unha competición: unha festa do deporte e da montaña.
A implicación institucional, de empresas coma Iberdrola presente na contorna e a veciñal, sumada ao crecente interese polo trail running, converten á Chandrexa Trail nun referente que, ano tras ano, medra en participación e prestixio.