O son dos folións toma as rúas de Trives no seu XXI Encontro

somoscomarca_20260208_apobradetrives_entroido_desfilefolions_oslabregos (68)
somoscomarca_20260208_apobradetrives_entroido_desfilefolions_oslabregos (69)
somoscomarca_20260208_apobradetrives_entroido_desfilefolions_oslabregos (70)
Once agrupacións encheron as rúas da vila de ritmo, baile e identidade nunha cita marcada pola participación interxeracional

Trives acolleu este domingo, 8 de febreiro, o XXI Encontro de Folións, unha celebración xa consolidada no calendario cultural da comarca e organizada polo Folión Os Labregos. Dende primeiras horas da tarde, as rúas da vila convertéronse nun auténtico escenario ao aire libre, cheo de sons, ritmo e movemento, onde a tradición foi a gran protagonista.

Os diferentes folións participantes fixeron resoar bombos, aixadas, gadañas e cornas, instrumentos comúns a todos eles pero cunha particularidade esencial: cada agrupación ten o seu propio son, marcado sempre por unha persoa que actúa como director de orquestra, guiando ao resto con precisión e harmonía. O resultado é unha mestura única de ritmos que envolve ao público e fai imposible quedar indiferente.

Xunto á música, o baile tivo tamén un papel destacado. Nun desfile perfectamente coordinado, os folións detíñanse, colocábanse en formación e ofrecían coreografías cheas de forza e entrega para todas as persoas que se achegaron a desfrutar do espectáculo.

Ás 16.00 horas deu comezo o desfile, no que participaron once agrupacións, enchendo Trives dunha sonoridade que se sentía en cada recuncho. Os Labregos abriron o encontro, seguidos polo Folión Os Arreiros de Petín, Folión de Piñeiro, Folión de Queixa, Folión de Buxán, Manzaneda, Sobrado, A Caniceira, Folión da Veiga, Folión O Fiadoiro, Folión de Carracedo e Folión de Fradelo, pechando a celebración a Asociación Xuntos polo Fulión de Vilariño de Conso.

 

O Encontro de Folións é tamén un reflexo da súa enorme riqueza interxeracional, xa que nel participan persoas de todas as idades, desde nenos ata adultos, garantindo así o relevo e a continuidade desta tradición tan arraigada.

Como manda a costume, ao remate da xornada todas as agrupacións e participantes xuntáronse nunha gran pinchada no pavillón, celebrando a unión, a convivencia e o orgullo compartido por manter vivo o folión.