San Xoán de Río organiza un Amigo Invisible municipal para celebrar o Día de Reis
O Concello de San Xoán de Río pon en marcha este Nadal unha iniciativa participativa aberta a toda a veciñanza, o Amigo Invisible de Reis, unha proposta sinxela e accesible que busca fomentar a convivencia, a ilusión compartida e o espírito comunitario no municipio.
A actividade está aberta a persoas de todas as idades e establece un orzamento máximo de 10 euros por agasallo, co obxectivo de facilitar a participación do conxunto da poboación. As inscricións poderán realizarse no Concello ata o 30 de decembro, e o día 31 comunicarase a cada participante a persoa á que lle corresponde facer o regalo.
Os agasallos deberán entregarse no Concello ata o 5 de xaneiro, mentres que a entrega final terá lugar o 6 de xaneiro, coincidindo co Día de Reis, nun acto que servirá tamén como punto de encontro para a veciñanza. O lugar concreto da celebración comunicarase nos días previos, en función das condicións meteorolóxicas.
Desde o Concello destacan que esta iniciativa pretende «poñer en valor os pequenos xestos, fortalecer os lazos sociais e demostrar que no rural tamén se innova en participación e convivencia, especialmente en datas tan sinaladas como o Nadal».
O Concello de San Xoán de Río anima a toda a veciñanza a participar e a facer do Amigo Invisible de Reis unha nova tradición comunitaria no municipio.