San Xoán de Río leva a Madrid a voz das mulleres do rural
O rural galego situouse esta semana no centro do debate estatal grazas á presentación do VI Congreso da Muller Rural, que terá lugar en San Xoán de Río os días 20, 21 e 22 de febreiro de 2026. A encargada de dar a coñecer esta nova edición foi Geanina Lascu, traballadora social do Concello, durante un acto celebrado na sede de ICADE da Universidade Pontificia de Comillas, en Madrid.
A presentación desenvolveuse no marco da Cátedra Iberdrola de Ética Económica e Empresarial, nunha xornada na que se fixo balance dos resultados acadados polos Congresos da Muller Rural ao longo de 2025 e se avanzaron as liñas estratéxicas da folla de ruta estatal para o ano 2026.
Durante a súa intervención, Geanina Lascu puxo en valor o papel de San Xoán de Río como concello anfitrión, destacando a capacidade do ámbito local para converter iniciativas sociais en auténticas ferramentas de desenvolvemento. Subliñou que estes congresos non deben entenderse como eventos illados, senón como espazos de traballo continuado, capaces de xerar visibilidade, dinamización económica e novas oportunidades para as mulleres no rural.
A xornada contou tamén cunha mesa redonda de alto nivel, moderada por Begoña Pabón, na que se analizaron os principais desafíos para acadar unha repoboación efectiva do territorio. Entre os aspectos abordados destacaron a necesidade de crear alianzas sólidas, apostar pola formación, garantir seguridade e servizos, reforzar a identidade dos proxectos e, sobre todo, xerar emprego que permita fixar poboación.
O encontro serviu igualmente para poñer en valor a dimensión xa acadada polos Congresos da Muller Rural, unha iniciativa que conecta máis de 24 provincias, mobilizou a máis de 27.000 persoas e conta co apoio de máis dun cento de entidades colaboradoras en todo o Estado, consolidándose como unha rede estatal de referencia.
Ao longo da sesión presentáronse ademais proxectos innovadores que marcarán o rumbo do ano 2026, vinculados á agrovoltaica, á rexeneración de solos, á sustentabilidade e á valorización do territorio, xunto con modelos baseados na recuperación da memoria culinaria, o reforzo do tecido social e o orgullo comunitario como motor de futuro.
Un congreso con mirada estratéxica
O VI Congreso da Muller Rural iniciará en San Xoán de Río a súa xira nacional cun formato renovado de tres días, que incluirá mesas de traballo, recoñecementos e homenaxes a mulleres referentes do territorio, así como visitas directas a proxectos e modelos de negocio locais que exemplifican novas formas de vida e emprendemento no rural.
Desde o Concello de San Xoán de Río salientan que acoller este congreso supón unha oportunidade estratéxica para situar o rural galego no centro do debate nacional sobre o reto demográfico, deixando clara unha mensaxe: sen actividade económica non hai futuro e as mulleres en idade de traballar son un colectivo clave para garantir a continuidade da vida nos pobos.