San Xoán de Río lanza o I Festival da Lonxevidade: saúde, cultura rural e turismo xerativo os días 8 e 9 de agosto
O evento, pioneiro en Galicia, pon en valor os modelos de vida rural que favorecen unha existencia máis longa, activa e con propósito.
O Concello de San Xoán de Río celebrará os días 8 e 9 de agosto o I Festival da Lonxevidade, unha iniciativa única en Galicia que busca conectar saúde, cultura rural e turismo xerativo. A través de encontros, actividades e recoñecementos, o festival reivindica a vida no rural como modelo de benestar e futuro.
Organizado no marco do Plan de Turismo Xerativo 2025–2035, promovido pola Escola de Turismo Xerativo, o evento reunirá pobos de toda España, profesionais da saúde, investigadores, responsables públicos e veciñanza para reflexionar colectivamente sobre o potencial da lonxevidade como motor de desenvolvemento sostible.
Rede internacional e experiencias inspiradoras
A xornada do venres 8 de agosto comezará cun acto institucional na igrexa parroquial de San Xoán de Río. Alí presentarase a 1ª Rede Internacional de Pobos pola Lonxevidade, nun encontro que contará coa presenza de autoridades como o alcalde Xosé Miguel Pérez Blecua, o director de Turismo de Galicia Xosé Manuel Merelles Remy, e voces expertas como Isabel Sánchez Tejado, Maribel Doval e Chema Faílde, entre outros.
O público poderá coñecer tamén seis proxectos exemplares que traballan pola calidade de vida no rural en diferentes puntos de España, abordando temas como a igualdade de xénero, os coidados comunitarios, a saúde mental ou a innovación social: “Oportunidades da Idade para as Mulleres”, Laura Seara; “Ourensividade” , Pablo García Vivanco; “Renace”, Pilar Rodríguez Lelo) “Agilmente”, Elisa Pelayo Astiz; “Zamora Territorio Silver”, Ana Isabel Sánchez Iglesias, “Quédate con Nosotros”, Asociación Amigos de Pescueza. O día pechará cun showcooking a cargo de Agacal e das “Mulleres de Río”, seguido dunha cata de viños da Ribeira Sacra e a tradicional Romería da Veiga, con música en directo e espazos de encontro informal.
Homenaxe aos médicos rurais
O sábado 9 de agosto estará dedicado á homenaxe aos médicos e médicas rurais, recoñecendo a 50 profesionais que contribuíron, ao longo das décadas, a garantir unha vida digna e saudable para a poboación maior do municipio.
Este acto será clausurado polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices Vieira, e rematará cunha actuación musical aberta ao público.
Lonxevidade con alma rural
O Festival da Lonxevidade non só busca celebrar a vida longa, senón tamén transformar o relato do envellecemento e da despoboación nunha visión positiva e xeradora de futuro. San Xoán de Río quere demostrar que vivir máis e mellor é posible grazas á forza do rural, á sabedoría compartida e a unha comunidade activa e conectada.
«Vivir máis e mellor é posible. En San Xoán de Río estamos a demostralo».