
A Unión Europea vén de aprobar unhas xornadas internacionais para Galicia e o norte de Portugal que se celebrarán en San Xoán de Río. Terán lugar o vindeiro mes de xuño e acudirán representantes de toda Europa para debater sobre diferentes cuestións.
Estes encontros focalízanse no rural e tamén terán lugar en Sabrosa e Vila Marim (Portugal). Porén, en San Xoán de Río, a liña temática consistirá na xestión de crises en zonas rurais centrada nos incendios. “Despois do verán que pasamos, parece que cada vez vai ser peor, hai que estar preparados”, afirma o seu alcalde, Xosé Miguel Pérez. Ademais, tamén se tratarán temas como a xestión da biomasa.
Estas xornadas terán unha duración de tres días. O primeiro centrarase en información “para que os habitantes do pobo, cando haxa algún problema, saibamos actuar”, explica Xosé Miguel Pérez, “os outros dous días imos facer un planning de visita aos lugares que a xente de San Xoán de Río crea que son interesantes para que vexan os representantes europeos”.
Ferramentas para a dixitalización de documentos
Por outra banda, o concello de San Xoán de Río xa dispón dunha ferramenta para dixitalización de documentos. Esta ferramenta non só serve para escanear “hijuelas”, catastro antigo ou arquivo municipal; senón que tamén funciona para recoñecemento de textos medievais. “Pasamos un libro de 90 páxinas en medio segundo a texto”, afirma o alcalde.
Con anterioridade, para poder manexar esta tecnoloxía, o persoal deste concello fixera un curso en Extremadura, impartido pola Associação de História e Arqueologia de Sabrosa. Así, esta ferramenta que funciona con tecnoloxía LiDAR, ten unha capacidade de centímetro a centímetro. “Cada estudo é como se estivera no sitio, e podes revisar calquera tipo de remodelación”, explica Xosé Miguel Pérez, “se hai calquera catástrofe, pode reconstruír exactamente como era, ver o estado de cada pedra... e ata se poden ver as capas que hai detrás dunha parede”.
Así, o alcalde de San Xoán de Río asegura que se tentará aproveitar as xornadas da Unión Europea ao máximo para que “traia máis investimentos para liquidar os problemas que temos hoxe en día”. “Traballaremos duro para elo”, conclúe.