martes. 10.06.2025

Renovación no Partido Popular de Trives: Luis Berardo será o novo portavoz

Roberto González agradece o apoio recibido e asegura que continuará colaborando co partido desde fóra
P_somoscomarca_241121_pobradetrives_pp701
P_somoscomarca_241121_pobradetrives_pp701

O Partido Popular da Pobra de Trives acaba de anunciar que Luis Berardo Araújo Rodríguez será o novo portavoz do grupo municipal, en substitución de Roberto González Castro. A decisión foi formalizada durante unha reunión na sede provincial do PP, na que tamén estivo presente a secretaria xeral do partido, Sandra Quintas. González cede a portavocía por motivos estritamente profesionais, tras combinar durante meses as súas responsabilidades no Concello coa súa carreira laboral.

Luis Berardo, número dous na lista popular nas eleccións municipais de maio de 2023, asumiu a tarefa con optimismo e compromiso. “Recollo esta responsabilidade coas mesmas ganas e ilusión que o fixo Roberto, para traballar polo pobo e polo ben da veciñanza”, declarou Berardo tras o seu nomeamento.

Pola súa banda, Roberto González, que foi o encargado de liderar a candidatura popular nas pasadas municipais, agradeceu o apoio recibido polos seus compañeiros durante o tempo que desempeñou a función de portavoz. O seu mandato, explicou, foi complicado ao ter que compaxinar as súas responsabilidades profesionais cunha vida política cada vez máis esixente.

A pesar das dificultades, destacou que sempre procurou antepoñer o ben da veciñanza. «Véxome obrigado a facer este cambio porque non podo estar na propia vila, pero seguirei apoiando ao partido e aos meus compañeiros desde fóra en todo o que faga falta», afirmou González.

A secretaria xeral do PP, Sandra Quintas, tamén quixo valorar o traballo de Roberto González, subliñando o grande esforzo que fixo el e a súa candidatura durante as eleccións municipais. «Somos conscientes do esforzo que fixo Roberto e o equipo, e de todo o que se loitou para conseguir a representación popular no Concello. Agradecemos enormemente o seu traballo», comentou Quintas. A xefa do PP tamén deu a benvida a Luis Berardo Araújo, resaltando a súa disposición para tomar as rendas e continuar traballando a prol da Pobra de Trives.

Luis Berardo Araújo, nacido en 1984 na Pobra de Trives, iniciou a súa traxectoria política hai dous anos de man de Roberto González, a quen agradeceu os ensinamentos e o apoio recibido durante este tempo. Entre os obxectivos que se marca o novo portavoz está o de escoitar as demandas dos veciños e buscar solucións para mellorar a vida na vila. «Quero que os veciños se sintan escoitados e que as súas necesidades sexan atendidas de maneira efectiva», concluíu.

Renovación no Partido Popular de Trives: Luis Berardo será o novo portavoz