
O seu alcalde, Amable Fernández mantivo unha reunión telemática co conselleiro do Medio Rural, co fin de abordar a temática dos incendios
O alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, reuniuse co conselleiro do Medio Rural, José González, co fin de tratar a colaboración entre as dúas administracións para anticiparse de cara a época dos incendios forestais, que no 2020 deixaron a súa pegada no concello arrasando máis de 800 hectáreas de terreo.
Así, na xuntanza abordáronse os distintos convenios subscritos polo consistorio para a prevención dos lumes, a súa vez o municipio recibirá axuda da Consellería do Medio Rural para conformar a súa brigada municipal antiincendios, para dispoñer de motobomba e para sufragar a realización de rozas, uns traballos que o rexedor considerou prioritarios para previr os lumes na súa localidade.
Así mesmo, o municipio está adherido ao convenio de protección das aldeas, co fin de incentivar e mellorar a xestión da biomasa preto dos núcleos de poboación.
Precisamente para avanzar na prevención, dende a Xunta animaron ao alcalde de Manzaneda a sumarse tamén ao Plan de pastos de Galicia, que supuxo actuacións en 14 concellos galegos na súa primeira fase, esperando chegar na segunda a un total de 24 municipios. Estas actividades promoven un mellor aproveitamento dos recursos naturais para garantir a rendibilidade das explotacións, ao facilitarlles máis base territorial.
No encontro telemático entre o conselleiro do Medio Rural e o alcalde de Manzaneda tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Inés Santé.