
O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, e a alcaldese de Trives, Patricia Domínguez, asistiron esta mañá á constitución da Xunta Local de Seguridade do municipio coa incorporación da guardia civil e á posterior reunión da mesma. Con esta primeira convocatoria quedou establecido este órgano colexiado coa finalidade de facilitar a coordinación e cooperación eficaz entre as distintas administracións públicas en materia de seguridade no ámbito territorial do concello de Trives.
Entre as funcións da Xunta Local de Seguridade figuran as de analizar e valorar a situación de seguridade cidadá, así como elaborar o Plan Local de Seguridade e acordar os plan específicos de colaboración e coordinación a desenvolver no municipio con motivo da celebración de eventos ou situacións que aconsellen a adopción de dispositivos especiais.
Emilio González sinalou que os datos relativos á seguridade cidadá indican que o índice de criminalidade do concello é un dos máis baixos da provincia de Ourense. O subdelegado do Goberno destacou que no primeiro semestre de 2022 se observou un descenso do número de infraccións con respecto ao mesmo período do ano anterior.
Así mesmo, o subdelegado do Goberno salientou o traballo da Garda Civil e da Policía Local, aos que agradeceu os seus esforzos para asegurar o cumprimento das medidas sanitarias, ademais de garantir a seguridade cidadá.
Viogen
Durante esta primeira reunión, o Concello de Trives e a Subdelegación do Goberno en Ourense ratificaron a incorporación da Policía Local ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén).
A Xunta Local de Seguridade aprobou a adhesión ao Protocolo FEMP para a protección de vítimas de violencia doméstica e de xénero e a adhesión ao Protocolo de Coordinación e Colaboración que posteriormente será asinado polo Concello co Ministerio do Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema VioGén, facendo efectiva desta maneira a participación de Trives neste operativo.
Este sistema permite que a Policía Local dispoña de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista existentes no municipio, asumindo o seguimento e control dalgúns destes casos.
No tocante ao concello de Trives, a Policía Local asumirá o control e seguimento dos casos considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos. O número de casos activos asignados á Policía Local será, como máximo, de dous.
En canto aos datos aportados pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Ourense, indican que na actualidade neste concello hai activos no sistema VioGén dous casos, dos cales un presenta risco baixo e outro presentan risco non apreciado. Un dos casos é de especial vulnerabilidade e ambos teñen medidas xudiciais de aproximación e comunicación.