
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta semana o Concello de San Xoán de Río. Alí mantivo unha reunión co alcalde, Xosé Miguel Pérez, onde abordaron demandas e necesidades «tanto do municipio como da contorna», explicaba o rexedor.
«Pedimos algo para todos os veciños da contorna, e é a mellora da estrada entre A Pobra de Trives e Ourense, a OU-536. Por desgracia hai un montón de servizos que non temas na nosa localidade e temos que desprazarnos até Ourense, e case estamos máis preto de Madrid co AVE a dúas horas».
Fala o alcalde de servizos e infraestruturas, «unhas estradas que cada vez son peores». Ademais, segundo explicaba Pérez o seu é un concello de 500 habitantes «polo que pesamos pouco respecto á poboación , por iso valoramos moito este tipo de visitas para que coñezan o territorio e a nosa realidade».
Por outra banda, non só abordaron neste encontro a situación das estradas, senón tamén «a mellora das traídas de augas e saneamento con concello; e facer un plan Urbe para ter accesos á vía principal —para o que xa se comprometeu a Xunta de Galicia—». Valoraba Xosé Miguel Pérez esta visita «para ter un plan coordinado e traballar todos no mesmo sentido».