
O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense visitou hoxe 4 de maio tres concellos da comarca de Valdeorras: Carballeda, A Veiga e Rubiá, onde mantivo unha reunión cos seus alcaldes. Ditos encontros enmárcanse dentro da rolda de reunións institucionais tras a toma de posesión como novo representante da administración autonómica nesta área territorial.
O obxectivo principal, segundo confirmaba Manuel Pardo, é «manter unha toma de contacto cos alcaldes de diferentes concellos da provincia para recoller as súas demandas, cuestións que teñan pendentes e poder trasladalo á Xunta de Galicia a prol da veciñanza».

Carballeda de Valdeorras foi un dos concellos que recibiu a visita do delegado territorial, nunha reunión na que a alcaldesa, María del Carmen González, trasladoulle os avances da nova ponte. «Mañá mércores recibiremos a visita dos técnicos de infraestruturas para avanzar no estudo técnico. Xa o ano pasado presentamos o estudo informativo, agora xa temos definido a ubicación adecuada e é unha obra que vai vertebrar realmente o municipio».

Incidía a rexedora no papel «clave» da louxa en Valdeorras, non só en Carballeda. «Por aquí pasan cada día máis de 4.000 vehículos que van para toda a provincia. É unha obra impresionante en necesidade e imos estar moi agradecidos á Xunta de Galicia». Comparaba a alcaldesa esta obra coa da circunvalación do Barco, e foi clara na súa intención: «Irá máis rápido, na Xunta somos máis eficaces».
Esta visita foi aproveitada tamén para revisar as obras realizadas nos servicios do edificio do Concello, «que facilitaron a accesibilidade para as persoas e modernizaron o espazo», explicaba a alcaldesa.
