A música de Sheila Patricia chega a Trives
Ofrecerá un concerto na Praza doutor Paz de Trives
A música volve á Praza Doutor Paz da Pobra de Trives o 14 de agosto dentro no ciclo "Noites de Verán" que promoven 2 locais hosteleiros locais. A partir das 22.00 horas deste mércores, a música Sheila Patricia ofrecerá un concerto que sorprenderá aos presentes, pola súa proposta musical, a espectacular voz que ten e por ser a primeira vez que actúa por estes lares.
Trátase dunha artista total, canta en galego, en castelán, en portugués e en inglés, e con raíces non só do folklore galego senón tamén español e latinoamericano. Sorprende polo seu "vozarrón", a variedade de rexistros e a soltura no escenario a pesar da súa xuventude; unha virtuosa que se nota que mamou a música dende pequena e non para de evolucionar.
Dada a súa calidade e convidada a grandes festivais como o "Festival Nacional de Folklore" de Cosquín en Arxentina ou foi premiada en concursos como o prestixioso "Certamen Internacional de Jóvenes Cantautores" de Burgos. Sheila Patricia comezou a súa andaina en solitario no 2015, e mestura músicas e ritmos de diferentes lugares do mundo con gran maestría. Pode pasar dun son jazz a un fado pasando por unha canción tradicional galega e aportando tamén temas de composición propia, unha combinación que será un agasallo para os sentidos nesta noite do mércores 14.
Ofrece concertos a nivel de Galicia, pero tamén a nivel nacional e internacional.